Formoso lanza a aposta do Psdeg para gobernar dende os concellos á maioría da poboación galega

O líder socialista presenta a Paco Rodríguez como a figura de consenso para “liberar” Ourense do goberno “máis esperpéntico da historia”, que comparou co de Jesús Gil en Marbella

Denuncia que o PP abandone o “consenso das políticas públicas” de protección social e creación de emprego que funcionou durante a pandemia

AVANTAR ACTIVIDADES

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2022. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, lanzou hoxe a aposta do PSdeG para gobernar dende os concellos á maioría da poboación galega, e ampliar a hexemonía nas cidades coa incorporación da alcaldía de Ourense.

No eido da reunión da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG, Formoso declarou que o seu partido está “coa mirada posta nas eleccións municipais”, ao fío de que nestas semanas se poñen en marcha os procesos internos de elección de candidatos ás alcaldías nos concellos que aínda non está decidido.

O líder dos socialistas reivindicou que son “a forza política máis apegada ao mundo municipal, a que ten máis presenza”, xa que “goberna a case o 60% da poboación, tanto no mundo urbano coma no rural”. A pesar disto, non se conforma, xa que insistiu en que aspiran a “ampliar a representación en todo o territorio e presentar listas nos 313 concellos galegos”.

Para Formoso son o partido político do panorama galego que ten unha vinculación histórica coa sociedade nos lugares máis próximos á vida diaria das persoas”, asegurando que “alí onde onde hai unha alcalde ou alcaldesa socialistas, hai política progresista e baseada no consenso para xerar políticas activas de creación de emprego e cohesión social”.

O socialista da unha vital importancia a este proceso electoral pola posición rupturista do PP do “consenso necesario das políticas públicas de protección social e creación de emprego que se aplicaron durante a pandemia” e entende que son “imprescindibles” na actual conxuntura de “deterioro económico mundial e desaceleración evidente”.

Criticou que o Partido Popular “bloquee o consenso constitucional”, especialmente na semana do 44 aniversario da carta magna, da que subliña o seu papel como “carta básica de todos os españois para a nosa mellor etapa na Historia”. Lamentou a negativa do PP a renovar o CXPX e o TC, sendo “o bloqueo máis largo na democracia”, así como recordou que o PSOE sempre renovou os órganos xudiciais cando estivo na oposición.

Fixo un novo chamamento ao consenso, dicíndolles directamente ao populares que un país non se goberna só dende o executivo, senón tamén dende as institucións con espírito construtivo que tan bo resultado deulle a un país”. Resaltou que as consecuencias van máis alá da política, xa que o bloqueo afecta a “milleiros de persoas cos seus procesos e expedientes paralizados” por culpa do PP.

O GOBERNO MÁIS ESPERPÉNTICO DA HISTORIA MUNICIPAL

Valentín González Formoso ten claro cal é un dos principais obxectivos dos socialista galegos: reconquistar a alcaldía de Ourense. Opina que a cidade das Burgas precisa “recuperar osíxeno e ilusión que perdeu cos gobernos do PP e o Jácome”, do que fai responsable aos populares.

Para o secretario xeral do PSdeG o executivo municipal é “o máis esperpéntico da historia municipal do país”, polo que “hai que remontarse ata os gobernos de Jesús Gil en Marbella para encontrar unha escena tan dramática para unha cidade”, como é “o que ocorre actualmente co esperpento tras esperpento da alcaldía de Jácome”.

Ten clara a solución a esta situación, por iso asegurou que puxeron “toda a carne no asador”, arriscando para recuperar “unha figura que represente o mellor de Ourense, que superou os peores momentos da vida política da cidade e que responde a un clamor da cidadanía”. Por iso, está seguro de que “Paco Rodríguez será o próximo alcalde de Ourense” e lles axudara a conquistar a Deputación “por primeira vez na etapa democrática”.