O Carballiño aproba uns orzamentos de 10,18 millóns que impulsan investimentos por valor de 3 millóns de euros

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Corporación Municipal do Carballiño aprobou hoxe, cos votos favorables do PSdeG-PSOE e do PP, os orzamentos municipais para 2027, que ascenden a 10.184.340 euros e teñen como principais prioridades a atención social, os servizos públicos e os investimentos. As contas contemplan unha dotación municipal de algo máis de medio millón de euros para investimentos, que contribuirá a mobilizar actuacións por un importe global estimado de 3 millóns de euros, grazas ao cofinanciamento con outras administracións públicas. O grupo de Espazo Común e a concelleira non adscrita, Sofía García, votaron en contra.

O alcalde en funcións, José Castro-Gil espuxo que os servizos sociais son a principal prioridade económica do goberno local. A área de Servizos Sociais e Promoción Social contará con 1.636.213,83 euros, o 16,07 % do orzamento, e convértese na que dispón de máis recursos, incluindo tamén ao persoal. A esta cantidade súmanse os 1.123.789,18 euros destinados a Benestar Comunitario, que inclúe servizos básicos como a iluminación pública e o saneamento. Entre ambas as áreas suman 2,76 millóns de euros, máis do 27 % das contas municipais.

O orzamento destina tamén, igualmente co persoal,  1.552.080,98 euros a Seguridade e Mobilidade Cidadá; 925.585,65 euros a Educación; 547.457,02 euros a Deporte e 432.645,69 euros a Cultura. O apoio á actividade económica reflíctese nos 538.788,41 euros destinados a Comercio, Turismo e Pemes, e nos 225.522,09 euros para Medio Rural.

O Concello consigna 503.010,88 euros no capítulo de investimentos reais. Parte desta dotación permitirá contribuír ao financiamento de diferentes actuacións que, coa participación económica doutras administracións públicas, representan un investimento global estimado de arredor de tres millóns de euros. Entre os proxectos que se prevé impulsar mediante esta fórmula figuran as intervencións nas rúas Balneario e Faustino Santalices e na Praza Maior, a reforma da Praza de Abastos e o pavillón da Uceira.

As contas inclúen, ademais, 489.420 euros en transferencias correntes para subvencións e achegas a entidades e actividades, e manteñen o equilibrio entre ingresos e gastos.

Sofía García resaltou que o Concello ten aínda 6 millóns de euros pendentes de cobro e preguntou ónde estaban as partidas económicas para o Centro de Día, a Casa da Xuventude, o Parque Municipal ou o plan de mobilidade, ademais de demandar unha actualización da RPT, entre outras eivas do orzamento presentado.

O voceiro de Espazo Común, Adolfo Nogueira afirmou que “son uns orzamentos apáticos e repetidos e, tamén, o certificado de defunción do seu pacto de goberno”. Asemade, indicou a rebaixo dun millón de euros respecto de 2025 e que os investimentos pasan de 640.000 a 500.000 euros, “un 10% menos”. En alusión a Castro-Gil, o edil apunto que “moi ben non o deben estar facendo cando o PP tivo que buscar fóra un candidato á alcaldía” e criticou a non convocatoria do Consello Municipal de Participación Cidadá para darlle a coñecer os orzamentos á veciñanza.

O voceiro socialista, Diego Fernández, defendeu que “son uns orzamentos equilibrados” e lembrou o “esforzo económico” realizado no Conservatorio de Música, as cámaras de vixiancia, o parque empresarial e as actividades para maiores, á vez que resaltou o incremento na afluencia de turistas tódolos anos, entre outros aspectos positivos para O Carballiño.

Outros temas

A Corporación amosouse unánime no apoio a unha moción de Sofía García para a creación dun Consello Municipal da Muller a fin de activar políticas de igualdade, se ben os votos do grupo de goberno rexeitaron outra proposta de Espazo Común urxindo xestións para a mellora e ampliación dos servizos de atención sanitaria no Centro de Saúde do Carballiño.

Finalmente, os votos favorables de PSdeG-PSOE e PP deron luz verde á aportación do Concello ao proxecto de reforma e humanización da Praza Maior do Carballiño, que suporá un investimento global aproximado de 260.000 euros. A moción foi incorporada pola vía de uxencia e a oposición abstívose ao non dispor en tempo das característcias desta obra.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------