Durante o acto de conmemoración do 30 aniversario do programa Leader, o presidente da Deputación resaltou a importancia deste proxecto para o desenrolo da Galicia interior: “Trouxo dinamismo, desenvolvemento, futuro”
Manuel Baltar lembrou os potentes vencellos do goberno provincial cos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDRs): “En marzo deste mesmo ano acordamos integrarnos nos GDRs dentro da nosa aposta pola unidade, somos o organismo de cooperación por excelencia”
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, interviu esta tarde en Laias (Cenlle) no acto de conmemoración do 30 aniversario do programa Leader en Galicia. Baltar estivo acompañado, entre outros, polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o conselleiro de Medio Rural, José González; o alcalde de Cenlle, José Manuel Rodríguez; o presidente da Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural (GDRs) de Galicia, José Antonio Santiso; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén; a directora xeral de Agader, Inés Santé; o resto de presidentes dos 24 GDRs galegos; rexedores, parlamentarios e deputados.
Na súa intervención, Manuel Baltar resaltou a importancia do plan Leader para Galicia -“trouxo dinamismo, desenvolvemento, futuro, proxectos”- e lembrou a forte implicación da Deputación cos GDRs ourensáns: “Somos o organismo de cooperación por excelencia, así o fixemos e así seguiremos facendo. Hai ben pouco acordamos integrarnos en todos os GDRs, cunha axuda económica para todos eles. Penso que este é o camiño, o camiño da unidade”.
Baltar destacou a importancia de apostar polos servizos públicos, situando como exemplo a entrada no accionariado de Tragsa, “que nos nos permitirá ter unha ferramenta, un instrumento máis a disposición das nosas posibilidades e das nosas capacidades para seguir facendo Ourense, seguir facendo provincia”, e lanzou unha reflexión enmarcada na necesidade do equilibrio territorial: “Galicia durante estes 30 anos tivo moita recepción destes fondos polas peculiares condicións socioeconómicas que daquela tiñan dúas provincias, Lugo e Ourense. O que reclamamos no seu momento é que iso que se chama equilibrio territorial vaia directamente a aquelas provincias que orixinaban daquela esa cualificación de Galicia como obxectivo 1”.
Baltar aposta polos GDRs: “Se falamos de reto demográfico, dinamización… aí están os GDR. Imos crer na creatividade, no enxeño e na capacidade para deseñar solucións”
Nesta liña, Manuel Baltar apostou pola necesidade de avanzar neste equilibrio territorial: “Nestes retos que temos por diante, debemos ter en conta evidentemente a Galicia costeira, pero tamén a Galicia interior”. E definiu como clave a posición dos GDRs: “Se estamos falando de reto demográfico, se estamos falando de proxectos, se estamos falando de dinamización… aí están os GDRs, con tantos exemplos de éxito. Polo tanto imos crer na creatividade, no enxeño e na capacidade para poñer sobre a mesa solucións, porque diso é do que falamos todos os días”.
Mentres, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, puxo en valor na súa intervención a filosofía do Leader, cun enfoque “de abaixo cara arriba” que garante, segundo destacou, “a participación activa dos axentes locais apostando pola cooperación entre entidades sociais e administracións”. Rueda agradeceu o traballo dos GDRs, destacando o seu “compromiso, traballo e profesionalidade” á hora de “contribuír dun xeito decisivo na creación de riqueza e emprego no rural”.
O acto celebrouse en Gandarela Turismo Rural, en Carballeda de Abaixo (Laias, Cenlle) e estivo conducido por Ignacio L. Balboa. Durante o mesmo proxectouse un vídeo conmemorativo e Alfonso Rueda e José González entregaron un agasallo institucional conmemorativo aos 24 presidentes dos GDR, a un representante dos xerentes dos diferentes grupos e a un funcionario do departamento en representación de tódolos traballadores públicos.