Presas: “Que trouxo o bipartidismo? Abandono. Que vai facer o BNG co seu 1º escano por Ourense? Impulsar Valdeorras”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • San Vicente de Leira exemplifica moi ben o que o bipartidismo estéril trouxo para as comarcas ourensáns: inacción e abandono
  • Afirma que este 29N Ourense fará historia co primeiro escano do BNG rematando coa discriminación histórica que sofre Valdeorras

Ourense, 19 novembro 2026. A cabeza de cartel do BNG para estas vindeiras eleccións xerais do 29N por Ourense, Noa Presas, chamou a veciñanza de Valdeorras a ser partícipe do fito histórico e conseguir, por primeira vez, unha deputada nacionalista que verdadeiramente defenda os intereses da comarca. Fronte ao bipartidismo estéril que abandono durante case 50 anos Valdeorras, Presas presenta o BNG como a forza política que permitiría darlle peso as comarcas ourensáns e rematar coa discriminación histórica que sofre Valdeorras, sobre todo en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Durante o encontro coa veciñanza da comarca de Valdeorras, tamén participaron os candidatos da organización nacionalista, Xavier Rocha e María G. Albert, esta última, actual alcaldesa do Concello da Rúa.

“O bipartidismo clásico non lle foi ben a Valdeorras en case 50 anos en que se foron intercambiando os escanos por Ourense e gobernando o Estado. Desmantelaron os servizos ferroviarios e non atenderon as necesidades reais de actuación para a mellora da rede viaria existente, a comezar polo arranxo integral da N-120 e non os parches que se están a realizar” exemplificou Presas.

Para a cabeza de lista do BNG, “é o momento de apostar por unha forza política coma o BNG coas mans libres para defender os intereses da comarca de Valdeorras” fronte ao abandono ao que as forzas estatais a sumiron. “Impulsar as infraestruturas ferroviarias e viarias, así como o servizo ferroviario, son das primeiras medidas que o primeiro escano do BNG por Ourense porá enriba da mesa: con máis frecuencias, máis horarios e, por suposto, cunha atención presencial” aseverou

Valdeorras e o conxunto de Ourense, continuou Presas, precisan ter peso político onde se toman decisións importantes que afectan ao día a día da veciñanza. “Desta volta non decide o azar nin un despacho en Madrid, decidimos nós co noso voto este 29N. Imos cambiar a historia co primeiro escano do BNG por Ourense” destacou a cabeza de lista do BNG durante o encontro coa veciñanza.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


San Vicente de Leira como exemplo do abandono

“Que acaba de acontecer moi preto de aquí? Máis unha mostra do abandono do Partido Popular a esta comarca despois de numerosas alertas por parte da veciñanza e Concellos coma os da Rúa” afirmou con contundencia Presas. Abandono e incompetencia despois dos lumes de 2025 que veñen de provocar o illamento de San Vicente de Leira pola ruptura da ponte na estrada OU-0807” criticou, mentres lembraba que a Xunta de Galiza e a responsábel da carteira de Medio Rural só executaron “12 dos 76 millóns de euros que tivo a Xunta de Galiza provenientes dos Fondos Europeos da PAC para este período no relacionado coa prevención de incendios” e engadiu que “só 309 mil euros dun total de 8 millóns de euros foron executados no que ten haber coa restauración forestal”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------