Afirma en Vilar de Barrio que o BNG dará a sorpresa nestas eleccións e rematará co bipartidismo estéril que condenou Ourense ao abandono
“Eu non veño a falar dos problemas que ten Ourense, preséntome a estas eleccións para conseguir resolvelos alí onde se toman as decisións” di.
A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense, Noa Presas, comprometeuse durante o encontro mantido coa veciñanza de Vilar de Barrio a levar a Madrid unha voz propia, firme e sen ataduras para defender os intereses de Ourense e conseguir avances concretos para a cidadanía. “O BNG irá a Madrid este 29N para defender, negociar e conseguir futuro para Ourense” asegurou.
Presas reivindicou a utilidade de contar cunha representación nacionalista no Congreso fronte a máis de corenta anos de bipartidismo, que considera responsables da falta de atención ás necesidades da xente. “Eu non veño a falar dos problemas que ten Ourense, preséntome a estas eleccións para conseguir resolvelos alí onde se toman as decisións” afirmou, incidindo en que Ourense precisa representantes que vaian a Madrid a defender os seus intereses e non a obedecer as directrices dos grandes partidos estatais.
Neste sentido, subliñou que “o útil é ir a Madrid para facer valer Galiza e Ourense, non para obedecer”, e reivindicou o papel do BNG como unha forza política que negocia desde a defensa dos intereses galegos e que non dá por boas as decisións que prexudican o país. “Este 29N témolo claro: nin mal maior nin mal menor. En Galiza hai en quen confiar” manifestou.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
A cabeza de lista tamén se referiu á campaña electoral, marcada pola mobilización da militancia e das persoas simpatizantes mesmo en condicións meteorolóxicas adversas. “Enchemos as rúas outra vez de paraugas e de dignidade, e imos facer o mesmo nas urnas este 29N” sinalou.
Presas trasladou unha mensaxe de confianza na capacidade da cidadanía ourensá para abrir unha nova etapa política e romper coa resignación. “Este é o país da valentía. Nunca máis medo ou resignación”, afirmou, convencida de que estas eleccións poden marcar un punto de inflexión para que Ourense conte cunha representación propia que faga valer a súa voz nas institucións do Estado.
“Non imos fallar, ninguén nos vai parar” concluíu, chamando a aproveitar a oportunidade do 29N para que Ourense teña por fin unha voz propia no Congreso.
















