Ribeiro en Común denuncia a paralización do Rexurbe e demanda solucións para os inmobles en estado de ruína no casco histórico de Ribadavia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ribeiro en Común trasladará ao pleno da Corporación Municipal de Ribadavia, que se reunirá o vindeiro xoves, 26 de novembro, en sesión ordinaria, unha moción na que insta a Concello e Xunta a retomar o Plan Rexurbe e a rehabilitación dos inmobles públicos adquiridos no pasado mandato que se atopan en estado de total abandono.

Concretamente, este grupo da oposición solicita un acordo plenario para que “o Concello impulse unha solución para os inmobles en situación de ruína do casco histórico, en especial os que son propiedade da Xunta, baixo o programa do Rexurbe”. Asemade propoñen que “o Concello impulse unha solución aos inmobles ruinosos que son propiedade municipal”, e, finalmente, demandan “un compromiso real de Xunta e Concello cos seis inmobles que están á espera da súa rehabilitación”.

Ao respecto, dende Ribeiro en Común apuntan que, “hoxe, chama a atención especialmente o parón dos inmobles adquiridos no anterior mandato pola Xunta, e que o PP no Concello foi incapaz de impulsar a súa reforma. Dos sete inmobles adquiridos no pasado mandato, co noso goberno aprobáronse tres proxectos de rehabilitación, mentres que co goberno do PP non aprobou ningún proxecto do Rexurbe”. Uns inmobles que “se atopan en pésimo estado, diante da pasividade absoluta e nefasta xestión do goberno municipal do PP”.

    PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------