Presenta unha folla de ruta con investimentos e actuacións estratéxicas que porá enriba da mesa coa primeira acta do BNG por Ourense
Presas aposta por unha representación coas mans libres no Congreso “para defender infraestruturas, recuperar ríos e impulsar a mobilidade”
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, presentou as principais liñas de actuación que levará a cabo a partir do 29N após conseguir a primeira acta do BNG por Ourense no Congreso. A candidata apelou a todas aquelas persoas que pensan que a cidade de Ourense merece máis e chamou a confiar no BNG para impulsar a axenda ourensá que inclúe proxectos estratéxicos que permitirían recuperar o seu protagonismo económico, social e cultural.
Presas sinalou que as eleccións do 29N representan unha oportunidade para deixar atrás décadas de bipartidismo “non deu resposta a moitas das necesidades da cidade de Ourense”. Na súa opinión “Ourense precisa atención, investimentos e capacidade para defender os seus intereses. Non podemos seguir condenados a esperar mentres uns e outros se pasan a responsabilidade. É hora de que Ourense comece a gañar” sinalou a cabeza de lista do BNG.
Presas subliñou que todas estas propostas responden a necesidades reais da cidade e a actuacións que non poden continuar acumulando atrasos. “Ourense ten potencial, ten recursos e ten futuro, pero precisa que alguén defenda os seus intereses con firmeza. O 29N temos a oportunidade de conseguir por primeira vez unha deputada do BNG por Ourense no Congreso para que estas reivindicacións teñan unha voz propia e unha defensa constante en Madrid” afirmou.
Retos do presente e o futuro ante promesas incumpridas polo bipartidismo
Entre os compromisos destacados figura o saneamento integral dos ríos Loña, Barbaña e Miño, con especial atención á situación do Barbaña, lembrando que “un río non só se recupera cunha depuradora”. Do mesmo xeito, Presas destacou que o escano do BNG por Ourense negociará investimentos pendentes para recuperar os cursos fluviais e acondicionar as ribeiras como espazos de convivencia e percorridos peonís.
A organización nacionalista tamén incluirá na súa acción no Congreso a potenciación do Campus de Ourense e a investigación, mobilizando fondos estatais e europeos para aproveitar o seu potencial científico e preparar a cidade para os retos derivados do cambio climático.
Impulso do ferrocarril como transporte do presente e o futuro
No ámbito ferroviario, Presas afirmou que o traslado da estación de mercadorías ao polígono de San Cibrao das Viñas será unha das prioridades do BNG, posto que é “unha actuación que permitiría liberar máis de 100.000 metros cadrados de solo público na contorna ferroviaria da cidade, susceptibles de destinarse a equipamentos e zonas verdes” e atendería as demandas dos empresarios que levan anos agardando por este traslado. Defenderá igualmente unha estación intermodal digna e propia do século XXI, que mellore a conexión entre os barrios da Ponte e o Vinteún e non se limite a unha simple remodelación das instalacións existentes.
“A estas actuacións súmase o impulso definitivo da variante exterior, para que o AVE chegue directamente á cidade, e da variante norte, acelerando unhas obras que acumulan anos de atrasos” destacou Presas. O remate desta última infraestrutura, subliñou a candidata, permitiría desconxestionar o tramo urbano da N-120 entre Quintela e Outariz e avanzar na transformación da ribeira do Miño.
Precisamente, outra das propostas estratéxicas é a implantación dun metro lixeiro en superficie, aproveitando o actual trazado ferroviario unha vez liberado pola variante exterior. O obxectivo é conectar puntos fundamentais como a estación, o Campus Universitario, o CHUO e o polígono de San Cibrao, ofrecendo novas alternativas de mobilidade á veciñanza.
Do mesmo xeito, a organización nacionalista empregará o seu escano por Ourense para conseguir solucións para os problemas de seguridade e permeabilidade ferroviaria en diferentes puntos da cidade: “executar as actuacións pendentes no túnel de Ramón Puga e no paso elevado de Tarascón” exemplificou Presas. En Peliquín, recordou que o BNG defende unha solución soterrada que permita manter a comunicación entre as dúas marxes da vía, fronte a unha pasarela elevada que dificultaría a mobilidade das persoas maiores e con mobilidade reducida e podería deixar a veciñanza illada.
Cumprir con Ourense co 1º escano do BNG
En materia de espazos públicos, Presas comprométese a conseguir que se complete o Bulevar termal, transformando a ribeira norte do Miño, entre A Chavasqueira e Outariz, nun gran pulmón verde con zonas de lecer, equipamentos públicos e aproveitamento do potencial termal da cidade. A proposta contempla tamén recuperar espazos actualmente ocupados por instalacións que non responden a ese obxectivo.
No ámbito patrimonial, Presas destacou a necesidade de rematar as obras do Museo Arqueolóxico, un edificio de enorme valor arquitectónico a carón da Praza Maior cuxa rehabilitación leva case dúas décadas agardando por unha solución definitiva. Defenderá tamén a rehabilitación da cadea vella con fondos estatais e a súa apertura á veciñanza, recuperando este inmoble para novos usos públicos e comunitarios e como lugar de memoria.

















