Carmen Rodríguez Dacosta presenta unha proposta para evitar o peche definitivo da oficina de Vila de Cruces reforzando o persoal e mellorando as condicións de accesibilidade
A portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamoulle hoxe á Xunta que pare co desmantelamento da rede da Axencia de Extensión Agraria e reforce estes entes con maior dotación de persoal e medios materiais. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei en Comisión na que lle reclamaba á Xunta que evite o peche definitivo da Axencia de Extensión Agraria de Vila de Cruces, que foi rexeitada polo PP.
Rodríguez Dacosta denunciou o esmorecemento desta rede ante “a falla de efectivos, medios humanos e materiais”, que dan lugar a “retrasos en certificacións e trámites administrativos” por parte dos gandeiros. Así, remarcou que na actualidade as oficinas agrarias “prestan un servizo moi deficiente, con continuos peches nos últimos anos e horarios que non se parecen en nada aos dunha oficina de servizo público ao uso”.
A responsable socialista instou á Xunta a que “corrixa esta situación” e dote de persoal e medios ás oficinas “para que poidan cumprir a súa función de asesoramento e apoio técnico ás explotacións asentadas neste concello”. Así, urxiu ao goberno galego a incidir na súa modernización e “realizar un esforzo” que supoña unha mellora no seu funcionamento e na súa propia imaxe.
Rodríguez Dacosta subliñou que esta política da Consellería de Medio Rural “é de todo incoherente”, xa que “manifesta, día tras día, que está a traballar polo asentamento da poboación do rural, ao tempo que desmantela servizos no mesmo”. Así, incidiu “a asistencia e impulso ao sector agrario e agroalimentario a través destes servizos é fundamental para a actividade económica galega”.
Vila de Cruces
A responsable socialista presentou o caso de Vila de Cruces, onde as baixas por incapacidade temporal ou vacacións “do único funcionario que atende o servizo dous días á semana” non se substitúan. Así, “a tenor da mingua na atención, os gandeiros vense obrigados a desprazarse a outras oficinas da comarca en Silleda ou Lalín, ou mesmo volver outro día para ser atendidos” cos “prexuízos e trastornos” que isto pode supor para o desenvolvemento do seu traballo.
Neste senso, Rodríguez Dacosta puxo á oficina desta localidade como exemplo paradigmático da situación que “xa se vén denunciando noutras oficinas de Galicia, como a de Lugo, a de Xinzo de Limia ou tantas outras”.
A responsable socialista urxiu tamén á Xunta a corrixir as barreiras arquitectónicas que existen na oficina da Axencia de Extensión Agraria de Vila de Cruces, que “son impropias dun departamento administrativo”, ao atoparse nun primeiro andar sen ascensor. Así, incidiu que dita situación “non é illada”, xa que “se repite noutras oficinas agrarias da comunidade”.
proposición non de lei en Comisión 7.ª
O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa da súa deputada e dos seus deputados Carmen Rodríguez Dacosta, Martín Seco García e Julio Torrado Quintela, a través do seu portavoz e ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta ante esa Mesa a seguinte proposición non de lei en Comisión 7.ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes.
Exposición de motivos
Como consecuencia da xubilación dunha funcionaria no ano 2012 e da xubilación de dous contratados laborais nos anos 2014 e 2015 que atendían a oficina agraria comarcal de Vila de Cruces, o servizo que se presta na actualidade é moi deficiente, con continuos peches nos últimos anos e o con horarios que non se parecen en nada aos dunha oficina de servizo público ó uso.
As baixas por incapacidade temporal ou vacacións do único funcionario que atende o servicio dous días a semana non son cubertos por outro persoal sendo habituais os carteis na porta da oficina anunciando un horario ridículo de atención ó público ou de oficina pechada.
A tenor da merma na atención nesta oficina os gandeiros e gandeiras vense obrigados a desprazarse a outras oficinas da comarca como Silleda ou Lalín ou volver outro día para ser atendidos.
Todo isto ocasiona prexuízos aos/ás agricultores/as e gandeiros/as do concello e que os mesmos asuman como algo normal os desprazamentos a outras oficinas comarcais para facer os seus trámites.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Comisión:
O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que en aras de evitar o peche definitivo da Axencia da Extensión Agraria de Vila de Cruces, a dotación de persoal cualificado para manter en funcionamento dita oficina, así como se corrixan as barreiras arquitectónicas existentes na actualidade.