O PSOE de Leiro reclama a mellora da Rúa Real do municipio

O PSdeG-PSOE de Leiro critica que se retirase da orde do día unha moción na que os socialistas instaban ao concello ao arranxo da rúa Real. Defenden que a mesma foi presentada en “tempo e forma”, pero o rexedor decidiu non incluíla na orde do día do pleno.

Os socialistas defendían en dita moción que se procedese o arranxo e humanización da rúa Real, en pleno casco urbano de Leiro, xa que segundo se pode comprobar, a rúa presenta numerosas deficiencias e anomalías coma perigosos desniveis e fochancas. Estes problemas provocaron un deterioro no pavimento ante a falta de conservación e mantemento e cos perigos que isto supón tanto para os peóns como para os vehículos que por aló circulan. Os socialistas avogaban por unha actuación máis que necesaria que “rematase cos perigos de mobilidade e mellorase a calidade de vida da veciñanza que vive nesta rúa”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, esta situación “non é nova”, xa que segundo relata “non é a primeira, nin a segunda vez que o alcalde decide non aceptar mocións dos socialistas, a pesar de estar rexistradas en tempo e forma”. Unha práctica que para o concelleiro socialista “afástase totalmente do papel democrático que ten que ter o pleno dun concello” e acusa ao rexedor do Partido Popular de “coartar a liberdade de expresión da oposición á hora de presentar mocións, co único fin de tapar a súa nefasta xestión ao fronte do Concello de Leiro”.

Rodríguez Vázquez tamén denuncia a “inacción total” do grupo de goberno municipal do Partido Popular, aos que acusa de “mirar para outro lado, namentres as fochancas e o lixo inundan as nosas rúas”. O voceiro socialista considera “inaudito” que un rexedor público “se negue en rotundo a buscar solucións para mellorar a situación dunha rúa que presenta graves deficiencias, que supoñen un risco tanto para os viandantes como para os vehículos que por ela circulan”.


VIDEO SPOT LEIRO en BADAL TV

CONCELLO DE LEIRO