O PP insta a urbanización de viais

O grupo político Partido Popular do Carballiño ven de propoñer unha mocion ao pleno que deberá incluirse expresamente como punto da orde do día a primeira sesión que se convoque de pleno

Expoñen que xa son varias as rúas do Carballiño, que estando consolidadas no vixente PXOM, continúan sen estar completamente executadas, a pesar de que consta a vontade dos veciños de ceder de balde ao Concello os terreos afectados, e que mesmo os proxectos xa se redactasen no período 2011-2015.

AVANTAR ACTIVIDADES

Concretamente trátase das rúas Costa Rica e San Amaro, cuxos proxectos se executaron ao mesmo tempo que o da rúa Ben-Cho-Sei, vial que si foi executado no seu día.

“Non pode ser que rúas como estas, que xa deberían urbanizarse no momento da aprobación do PXOM ao ser consideradas como consolidadas, continúen a día de hoxe sen executar e sen perspectivas de que se poida facer a curto prazo”

Desde o Grupo Popular veñen insistindo na necesidade de urbanizar xa estas rúas, tanto para rematar as obrigacións que impón o PXOM como para favorecer a mobilidade no centro urbano, pero a realidade é que o proceso está paralizado pola esixencia de requisitos aos propietarios para levar a cabo estas cesións, requisitos que nalgúns casos supoñen custos superiores aos 10.000 euros.

En resumo, a esixencia deses requisitos supón que os veciños, para regalar os terreos ao Concello, vense obrigados ademais gastar un diñeiro que, nalgunhas ocasións, non teñen.

E por iso sométese a votación do pleno o seguinte acordo:

PRIMEIRO: Que o Concello do Carballiño reúna aos propietarios das rúas Costa Rica e San Amaro, viais que constan como consolidados no PXOM e que a día de hoxe están sen urbanizar, para que, no caso de que todos eles estean en disposición de ceder de balde os terreos, procédase a realizar os trámites precisos para levar a cabo as cesións necesarias para a execución das obras de urbanización, sen custo algún para os propietarios. SEGUNDO: Que se utilice a mesma fórmula para darlle o ancho preciso conforme ao PXOM aos viais que considere preciso.

TERCEIRO: Que nos orzamentos do ano 2020 se habiliten as partidas necesarias para que se execute a urbanización destas dúas rúas e daquelas outras que se atopen na mesma situación.