Alcaldes mostran apoio a Feira do Viño do Ribeiro

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

OS ALCALDES DA COMARCA DO RIBEIRO ACORDAN UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DE APOIO Á FEIRA DO VIÑO DO RIBEIRO.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Na reunión, celebrada no Concello de Ribadavia, acordouse tamén constituir un grupo de traballo por parte dos alcaldes para achegar propostas encamiñadas a afrontar os retos de futuro da comarca do Ribeiro

Alcaldes e representantes institucionais dos concellos que conforman o territorio da denominación de orixe Ribeiro, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo no concello de Ribadavia na que aprobaron unha declaración institucional de apoio á Feira do Viño do Ribeiro.

Na declaración institucional consensuada, os alcaldes da comarca convidaron a toda a cidadanía da comarca do Ribeiro e a todo o sector vitivinícola a participar de xeito activo na 57 edición da Feira do viño do ribeiro, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de maio de 2020, prar continuar contribuíndo a dignificar o traballo de tantas persoas que teñen centrado unha parte importante da súa vida en engrandecer o nome do Ribeiro.

Ademais, na reunión celebrada, os alcaldes da comarca acordaron constituir un grupo permanente de traballo para achegar propostas encamiñadas a afrontar os retos de futuro da comarca do Ribeiro, entre os que destaca de xeito fundamental recuperar o viño como motor económico da comarca e como peza fundamental para fixar poboación nos concellos da comarca.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, quixo agradecer a todos os alcaldes do Ribeiro que responderan á chamada do Concello de Ribadavia para manter este encontro e que apoien de xeito firme á Feira do Viño do Ribeiro, un evento que foi medrando ao longo dos anos froito dun esforzo colectivo de toda a comarca e de todo o sector vitivinícola.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL EN APOIO Á FEIRA DO VIÑO DO RIBEIRO.

Fai 56 anos que botaba a andar a Feira do Viño do Ribeiro, un evento que xurdiu coa intención de poñer en valor e potenciar un dos sinais de identidade fulcrais da nosa comarca, o viño do Ribeiro. Ao longo destes 56 anos teñen sido moitas as xeracións de persoas boas e xenerosas da comarca do Ribeiro que co seu esforzo e a súa dedicación contribuiron a que a Feira do Viño do Ribeiro se convertira no que hoxe é, un evento de trascendencia nacional que permite, non só exaltar o viño do Ribeiro, se non tamén colocar ao noso viño e ao noso sector primario en páxinas destacadas da prensa especializada a nivel nacional e internacional. O éxito acadado pola Feira do Viño do Ribeiro ao longo dos anos é froito dun esforzo colectivo de toda a comarca e de todo o sector vitivinícola por amosar a todo o mundo o mellor que temos no noso territorio. Como tal tarefa de traballo e esforzo colectivo, cómpre poñer en valor e apoiar de forma decidida aquelo polo que tantas persoas loitaron co seu esforzo e coa mellor das súas vontades, aínda que probablemente ese apoio sexa insuficiente para recoñecer todo o traballo feito pora tantas persoas a prol da comarca do Ribeiro.

Tendo presente o que acabamos de sinalar, os alcaldes, alcaldesas e representantes institucionais das entidades locais que conformamos este singular territorio do Ribeiro queremos mostrar o noso apoio firme e decidido á Feira do Viño do Ribeiro, un evento que neste ano cumprirá a súa 57 edición. Ademais, queremos convidar tamén a toda a cidadanía da comarca e a todo o sector vitivinícola a participar de xeito activo na Feira do viño do Ribeiro para, deste xeito, continuar contribuíndo a dignificar o traballo de tantas persoas que teñen centrado unha parte importante da súa vida en engrandecer o nome do Ribeiro.