Non é o mesmo ser Mario que María

Mª Mercedes Moreiras Mosquera

Grao en Traballo Social

Grao en Educación Social

AVANTAR ACTIVIDADES

Actualmente é Traballadora Social no Concello de Coles

Artigo : Non é o mesmo ser Mario que María

“Chámome Mario e teño 30 anos. Onte ía pola rúa e unha persoa coa cara cuberta díxome que lle dese todo o que levase enriba. Non o dubidei, collín a carteira e o móbil do bolsillo e dinllo. Foron décimas de segundo pero fíxoseme eterno. Sentinme vulnerable, atacado, vítima dunha situación inxusta. Sentín medo”.

“Chámome María e teño 30 anos. Onte ía pola rúa e un home a cara descuberta empezoume a piropear. Continuei o meu camiño e el seguiu a falarme e a camiñar preto de min, a pesar de eu non responder aos seus comentarios. As miñas pernas comezaron a tremer, fixen que non escoitaba e púxenme a camiñar máis rápido. Sentinme intimidada, vulnerable, atacada. Por que alguén que non me coñece me ten que molestar deste xeito? Sentín medo”.

Mario e María poderían ser a mesma persoa. Poderían ser comprendidos do mesmo xeito pola sociedade, mais non. No caso de Mario, a xente mostra empatía e comprensión, entenden ben por que non se opuxo ao seu agresor. Entenden á perfección a súa frustración, a inxustiza de que alguén che faga pasar medo.

Mais, a sociedade mostra a mesma empatía por María? Entende toda a xente que o medo de María pode ser incluso peor que o de Mario? Compréndese publicamente que un piropo recibido por parte de alguén que non a coñece non é unha mostra positiva, senón unha invasión que María está a sufrir sen ela querer tal cousa? Non chega pois con non contestar e seguir camiñando para dar a ver que María non está cómoda e que non quere ter ningunha conversación ou relación?

Ninguén culparía a Mario de provocar que o atracasen. Ninguén culparía a Mario de non opor resistencia con un “non, non quero que me molestes”, pois resulta obvio que Mario non quería iso. Como  obvio resulta que se María non responde e segue camiñando non quere que a molesten. En cambio, María pode chegar a escoitar frases como “un piropo gusta a calquera” ou “igual ías provocando”.

María non se enfrontou ao seu agresor, non opuxo resistencia á que a molestasen, igual que Mario. Mais María naceu cunha carga social dobre. Ten que soportar situacións que non lle gustan sen ela buscalo, e ten que soportar á resposta da sociedade a como ela enfronta ditas situacións. Como sociedade debemos pensar máis e falar menos. Non seremos totalmente xustos e xustas ata que non vexamos e asumamos esa carga. Como sociedade temos o traballo de educar aos homes para non abusar en vez de educar ás mulleres para evitar ser abusadas, e temos que educar ás mulleres para que deixen de sentir que deben de dar explicacións. Para que deixen de ter medo, xa que na rúa queremos ser libres, non valentes.

—————————————————————————————————–

OUTROS ARTIGOS de Mª Mercedes Moreiras Mosquera

Artigo 1 : Dependencia … ¿sorte ou dereito?