O PSdeG-PSOE avoga pola rehabilitación de vivendas en situación de ruína en Castrelo de Miño

O PSdeG-PSOE avoga pola rehabilitación de vivendas en situación de ruína en Castrelo de Miño co fin de atraer a novos veciños e veciñas. Os socialistas defenderán no vindeiro pleno unha moción na que lle solicitan o grupo de goberno no municipio que recompile información para a realización dunha bolsa de vivendas en situación de ruína. Unha medida coa que os socialistas pretenden que o Concello se faga con algunhas vivendas para a súa rehabilitación e poste en venda a prezo competitivo e deste xeito fixar nova poboación no concello.

Dende o seno socialista en Castrelo de Miño explican que esta medida “é posible e pode levarse a cabo de xeito inmediato” e sinalan que “a lexislación actual permite á Xunta de Galicia en colaboración cos Concellos, iniciar informes para resolver a situación de propiedades que se atopan en ruínas na actualidade”. Tal e como afirma a voceira socialista, Catalina González, “tras tramitar dúas notificacións os propietarios e non obter resposta, poderase activar un expediente de expropiación para facerse coa titularidade do inmoble” e subliña que “é algo moi necesario xa que no noso concello nos atopamos con ducias de casas en ruínas, que en moitos casos levan décadas abandonadas e ninguén se fai cargo do seu arranxo, o que provoca feismo nos nosos municipios e un problema de seguridade, xa que moitas destas casas caen ou caeron co paso do tempo e o abandono”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas indican tamén que no caso de que existan propietarios, o ideal sería negociar directamente con eles, xa que tal e como indican “en moitos casos esta xente quere desfacerse destes inmobles en ruínas e non atopan quen queira asumir a titularidade” e tal e como conta a voceira socialista en Castrelo “a contía en todo caso é testemuñal o tratarse dunha ruína ou dunha propiedade abandonada polo que o valor catastral do chan baixa a metade”.

Dende o PSdeG-PSOE en Castrelo teñen claro que o futuro do Concello pasa por fixar nova poboación e tratar de paliar a crise demográfica que o igual que toda a provincia de Ourense, vive tamén este municipio en O Ribeiro. Consideran esta moción, “unha boa iniciativa para paliar eses problemas demográficos e atraer a mozos e mozas con prezos competitivos e asumibles os seus petos e que poidan desenvolver o seu presente e futuro dentro das nosas fronteiras”, finaliza Catalina González.