A Ribeira Sacra será candidata a patrimonio mundial en 2021

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A candidatura da Ribeira Sacra logra finalmente dar o último paso e estar entre as 24 propostas de inscrición elixidas para ser presentada e sometida a estudo e debate na 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO, que se celebrará en sede aínda por determinar durante 2021. Así lle foi notificado hoxe pola UNESCO á Xunta de Galicia.
A paisaxe cultural galega acaba de lograr ser aceptada como a proposta de España para
esta sesión, e entra en avaliación para a súa posible inclusión na prestixiosa Lista do
Patrimonio Mundial, da que xa forman parte na nosa Comunidade, a Cidade Vella de
Santiago, o Camiño Francés, os Camiños do Norte, a Muralla de Lugo e a Torre de
Hércules.
A Xunta de Galicia congratúlase desta boa nova, froito do traballo e esforzo conxunto das
administracións e a sociedade civil, e que abre importantes perspectivas de crecemento e
desenvolvemento sostible para este territorio; agradecendo especialmente a participación
das deputacións de Ourense e Lugo, dos concellos da contorna e das diferentes entidades locais, como o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e o Consello Regulador da
Denominación de Orixe Ribeira Sacra, entre outras, que, co seu traballo, lograron crear as
condicións axeitadas para o desenvolvemento do expediente.
O valor universal excepcional Neste sentido, cómpre lembrar que a devandita candidatura está baseada nun profundo e importante traballo técnico, impulsado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, no que se destaca o valor universal excepcional desta zona en base ao cumprimento dos criterios III, IV, e V das 2017-Operational Guidelines.
Así, a Ribeira Sacra constitúe unha testemuña excepcional da cristianización do Occidente de Europa. Neste territorio desenvolveuse un movemento ascético de eremitas e anacoretas que ocuparon os vales do Sil e do Miño, que co tempo foi substituído por unha fecunda implantación monacal que chega até os nosos días. Precisamente, esta espiritualidade xoga un papel moi importante na candidatura.
Ademais, este territorio representa tamén un exemplo único do monacato de Occidente e da sacralización do territorio, grazas a uns conxuntos arquitectónicos de extraordinaria
singularidade que ilustran 1500 anos de historia. O paso do eremitismo ao monacato e a
posterior expansión beneditina deixou un bosque de igrexas que ilustran a riqueza e
variedade da arquitectura románica dos séculos XII e XIII.
Á marxe do importante patrimonio cultural e arquitectónico, a Ribeira Sacra tamén é unha
paisaxe viva e o máximo expoñente da relación entre home e natureza. Proba dista
interacción do ser humano co medio son as monumentais terrazas nas ladeiras dos canóns
do Sil e o Miño para a explotación dunha agricultura de subsistencia baseada no policultivo.
A esencia desta paisaxe antrópica atopámola con todos os seus matices nos terreos de
ribeira e bocarribeira.
O Plan Ribeira Sacra A maiores do sólido proxecto técnico, desde o Goberno galego impulsouse o Plan Ribeira Sacra. Plan de xestión da paisaxe cultural 2020-2023. Unha ferramenta para o desenvolvemento desta zona e que supón un paso relevante no camiño cara á súa inclusión na lista do Patrimonio Mundial da Unesco.
Trátase dun instrumento de planificación que compromete máis de 34 M€, articulado en sete programas e 35 accións, que se desenvolverán en 25 concellos nos que viven máis de
60.000 persoas. O Plan contempla melloras en eidos como o patrimonio e paisaxe cultural; a ordenación do territorio; a conservación dos valores naturais e medio ambiente; o
desenvolvemento económico sustentable, a xestión do turismo; a educación, formación e
investigación ou a comunicación e participación.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO