SODES HEROÍNAS

Merce Moreiras Mosquera

Grao en Traballo Social

Grao en Educación Social

AVANTAR ACTIVIDADES

Actualmente é Traballadora Social no Concello de Coles

Artigo : SODES HEROÍNAS

Como di unha amiga miña, o malo de dar as grazas é que sempre nos esquecemos de alguén. A cita das oito da tarde converteuse na mellor das nosas rutinas. Comezou sendo unha homenaxe ao persoal sanitario dos hospitais e aos corpos de seguridade, que ben merecido o teñen. Pero tan importante é a labor desas persoas coma daquelas que tamén están arriscando a súa saúde coma o persoal de limpeza, as coidadoras de persoas dependentes, o persoal de transporte, de supermercados, farmacias e tendas que seguen coa súa actividade diaria. E moitos outros. De ahí o perigoso de pór nomes aos agradecementos, que nunca chegas a todo o mundo.

A semana pasada vimos unha imaxe pouco común, na que o Congreso homenaxeaba a Valentina Cepeda, unha limpadora que leva case trinta anos limpando as instalacións, pero que, ata agora, permanecía detrás dos focos, sen que o seu traballo fose visibilizado. Invisibles é a palabra para todas esas profesións que nunca se valoraron como se merecen e que agora temos a oportunidade de homenaxear.

Resulta paradóxico que labores coma o da limpeza, traballos en supermercados, transportistas ou coidado de persoas dependentes, sexan sectores somerxidos na precaridade laboral e na reputación social, pero que a día de hoxe precisamos deles máis que nunca e sexan unhas das poucas actividades que, por necesidade pública e social, non poidan parar. Invita á reflexión, non si?

Vivimos nun país paralizado, pero activo ao mesmo tempo por todas esas persoas traballadoras que non poden parar, por todas esas actividades que non poden esperar. Porque un dependente non pode agardar a que pase o estado de alarma para que lle cambien un cueiro, a sociedade segue a precisar comida e medicamentos, porque un maior segue a necesitar que o atendan no seu centro residencial e porque en xeral, as necesidades verdadeiramente vitais das persoas precisan de satisfacerse. E ahí están os nosos heroes e heroínas invisibles que xunto cas visibles, levántanse cada día e sacan forzas para seguir adiante, arriscándose eles mesmos e ás súas familias, para cumplir co seu deber como cidadanía.

Exemplificando estes casos, as persoas auxiliares de axuda no fogar son heroínas (cada un tira para o seu e eu non ía ser menos), e digo heroínas en feminino aínda que sempre intente utilizar linguaxe inclusivo, porque os coidados das persoas dependentes seguen sendo na súa meirande parte cousa de mulleres. Grazas por deixar a vosa vida e adicala a quen máis vos necesita, grazas por deixar os medos na casa e saír con máis forza que nunca, grazas por traballar coa xente máis vulnerable ante este virus, grazas por seguir traballando cando máis falta facedes aínda que sempre se esquezan de vós.

Cando todo isto remate, lembrarémonos de todos estos heroes e heroínas? Lembrarémonos de non pensar que unhas profesións son mellores ou peores ca outras? Darémoslle o crédito que se merece toda a xente que nos axudou a saír desta crise?

Loitamos contra un inimigo invisible e, seguindo coa paradoxa, é o momento de facer visible, o invisible.

OUTROS ARTIGOS de Merce Moreiras Mosquera

Artigo : Non é o mesmo ser Mario que María

Artigo : Dependencia … ¿sorte ou dereito?