Espazo Común denuncia o comportamento sectario do Alcalde Fumega

O SECTARISMO DO ALCALDE FUMEGA EXCLÚE A ESPAZO COMÚN DAS REUNIÓNS DE VOCEIROS CONVOCADAS NO CONCELLO

Hoxe mantivo unha reunión conxunta con PP e BNG, pero segue sen querer escoitar as propostas realizadas polo noso grupo. 

AVANTAR ACTIVIDADES

No momento no que a cidadanía demanda e precisa máis diálogo, Fumega segue ao seu.               

Vimos de ser coñecedores de que esta mañá tivo lugar unha reunión convocada polo alcalde do Carballiño na que participaron os voceiros do PP e do BNG.

Dado que xa é a enésima vez que o alcalde celebra xuntanzas con outros partidos da oposición sen facer unha soa chamada a Espazo Común, entendemos que segue na súa teima de ignorar o que é un clamor entre a cidadanía. É o momento de unir esforzos e de contar con tódolos que queiran axudar e sumar para loitar contra o COVID-19 e os seus efectos.

Dende o comezo desta situación, mantivémonos facendo propostas e rexistrando numerosas iniciativas para tentar aportar melloras á vida de tódolos que se poidan ver afectados pero semella que o alcalde que debería defender os intereses da veciñanza, ten outras prioridades.

Demandamos que se faga unha reflexión e se comece a actuar con sentido, sen sectarismo. Espazo Común, segue e seguirá a traballar para aportar solucións, tanto se alcalde recapacita e inicia un necesario diálogo, coma se se mantén na súa irresponsable e fanática actitude.