Moción do BNG de Ribadavia sobre personas anciás que viven soas

Moción pola elaboración dun censo municipal de personas anciás que viven soas e para establecer un protocolo de prevención e axuda en caso de necesidade

Os cambios demográficos e sociais levan a que cada vez sexa maior a proporción das persoas maiores e tamén das que viven soas, o que resulta en que os fogares conformados por unha persoa anciá que vive soa sexan xa os máis comúns. De feito, as estatísticas oficiais sinalan que entre 2013 e 2018 este tipo de fogares incrementáronse nun 20%.

AVANTAR ACTIVIDADES

Se ben é positivo que as persoas maiores poidan vivir autonomamente, o escaso número de prazas residenciais e o seu prezo inalcanzable para a maior parte das pensións galegas, fai que moitas anciáns se vexan obrigadas a seguir vivindo en soidade. En 2018,segundo a estatística oficial, Galiza contaba con apenas 3,13 prazas residenciais por cada 100 persoas maiores de 65. É a quinta rateo de cobertura máis baixa do Estado e no que atinxe á oferta estritamente pública, a situación relativa é aínda peor, só 1,2 prazas por cada 100 habitantes maiores de 65 anos, o penúltimo posto do Estado. De feito, para chegar á recomendación da OMS, Galicia precisaría 14.858 prazas máis das actualmente dispoñibles.

Os presentes cambios sociais tamén están a producir que cada vez máis persoas que viven soas acaben illadas do resto da sociedade sen posibilidade de recibir a pronta axuda que si poden ter quen manteñen os tradicionais lazos de relacións familiares e veciñais, polo que desgraciadamente cada vez son máis comúns os casos de persoas que acaban falecendo en soidade.

Malia que en novembro de 2019 a conselleira de Política Social anunciou diante do Parlamento galego a elaboración dun censo de persoas maiores que viven soas e non desexan permanecer nesa situación,  non existe máis concreción real deste anuncio.

Ademais a presente emerxencia social provocada pola epidemia de Covid-19 fai máis evidente aínda a necesidade de que se elabore un censo municipal de persoas maiores que viven soas para facer efectiva a prevención e axuda en caso de necesidade.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1. Que por parte dos servizos sociais municipais e en coordinación cos axentes que interveñen nas tarefas de prevención e axuda nos casos de asistencia social referidas a persoas anciás que viven soas (policía local, protección civil, centro de saúde, etc), se elabore un censo destas persoas para facer efectiva a prevención e a axuda en caso de necesidade.

2. Este censo incluirá ás persoas maiores que vivan soas e manifesten o seu acordo en ser inscritas.

3. Que se estableza un protocolo de información entre os axentes implicados para poder prestar axuda e realizar labores de tipo preventivo.