A opinión de Xosé González: ” Actos académicos en Mondariz”

Xosé González Martínez: Secretario da Irmandade Xurídica Galega e Presidente Foro E. Peinador. Vicepresidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto.

“Fala galego porque … pensa en galego!”. Este é o texto que  que o artista ponteareán Vidalés Tomé lle puxo a unha  caricatura súa de Enrique Peinador Lines, tocado cunha monteira, publicada nos anos vinte do século pasado. A min pareceme  un retrato moi acaído do pensamento galeguista do  empresario máis emblemático de Galicia que rexía os destinos do Balneario de Mondariz e da embotelladora de augas  mineromedicinais.

AVANTAR ACTIVIDADES

Enrique Peinador Lines foi o precursor do galeguismo empresarial, e  da fórmula maxistral tantas vecez utilizada polos teóricos da planificación económica. Grazas ao seu exemplo, hoxe podemos engadirlle outro sumando máis, o G de Galeguismo (I+D+i+G). Porque foi un adiantado no seu tempo na incardinación da empresa no medio natural e cultural no que exercen as súas actividades,  norma habitual recomendada polos teóricos da  Responsabilidade Social Corporativa.

Podemos afirma que na historia do pensamento económico galeguizado do país, Enrique Peinador Lines é a figura máis sobranceira. Non estivo presente  no Circulo das Artes de Lugo nos debates do 1º Congreso de Economía de Galicia celebrado naquela cidade en 1925, no que se estableceron as liñas mestras para un desenvolvemento económico sustentable de Galicia. Pero a súa xestión empresarial desenvolveuse sempre no marco das conclusións daquel cónclave económico.

O modelo empresarial que artellou Peinador Lines tivo continuidade no ano 1939 e posteriores, cando Ramón Obella Vidal e Fernando Calvet crearon no Porriño os Laboratorios Zeltia, os laboratorios máis importantes de Europa do seu tempo na elaboración, de pesticidas para combateren as pragas do agro e enfermidades do gando. A incorporación ao accionariado de Antonio Fernández López, que si participou no ano 1925 no 1º Congreso de Economía de Galicia, déulle un pulo ao modelo empresarial, ao  editar anualmente o “Almanaque Agrícola ZZ”, unha publicación dun cento de páxinas publicado integramente en galego, en tempos de prohibicións. O réxime fraquista fíxolle varias advertencias de ilegalidade que o empresario desoíu porque como Peinador Lines, falaba galego porque…pensaba en galego!.

Antonio Fernández é o epígono máis cualificado do galeguismo empresarial iniciado por Enrique Peinador Lines. O maxisterio galeguizador de ambos os dous deu os seus froitos, velaí están os centos de marcas agroalimentarias etiquetadas en galego e as empresas prestadoras de servizos públicos e  industriais que o utilización nas relacións cos clientes e incorporaron nas súas instalacións.

Outro fito importante  na creaciondo pensamento económico galeguista foino o  1º Congreso Galego da Emigración celebrado en Buenos Aires en 1956, que definíu tamén  estratexías para a construción dunha Galicia distinta, abafada por mor  da falta de planificación económica do réxime franquista. E nese contexto xorde a Revista de Economía de Galicia en 1957, unha publicación que aglutinou os mellores especialistas da planificación económica do momento de clara significación galeguista.

Vén todo isto a conto porque o Concello de Mondariz-Balneario convídanos a  asistir á conmemoración do actos programados polo Balneario daquela Vila os días 30 e 31 de agosto de 1920 co gallo do ingreso na Real Academia dos académicos Ramón Cabanillas e Antonio Rey Soto. Acontecemento recollido nun libro da autoría de Xaquín Vales, ”Actos académicos en Mondariz”, no 2006, escrito a instancias do Foro E. Peinador, que foi a entidade que recatou do esquecemento ao egrexio Peinador Lines, complementado máis tarde coa declaración de Fillo Predilecto a título póstumo, colocación de dous monumentos en bronce,un na Vila e outro en Vigo nas inmediacións da Facultade de Empresariais, e a biografía escrita polo historiador Ricardo Gurriarán  co acaído título de “Enrique Peinador Lines e Mondariz. Empresa, Turismo e País”. Pódese ler en www.galeguizargalicia.gal.

A Enrique Peinador Vela débeselle o mérito de erixir parte do Balneario, porque a súa morte en 1917 non lle permitíu facer máis. Foi o seu fillo Peinado Lines ao auténtico creador dunha filosofía empresarial e dinamizador dunhas instalacións hoteleiras que traspasaron as nosas fronteiras. A el débeselle a creación dun modelo empresarial novidoso e mesmo audaz. Foi un galeguista convencido ao servizo dunha causa con total entrega.

Consideramos que a convocatoria do acto debe ser un recoñecemento explícito á súa figura, rehabilitada grazas tamén ao entusiasmo do anterior alcalde José Antonio Lorenzo. Agora  tócalles aos propietarios e directivos do Balneario, a partir dos actos programados para o próximo día 23, iniciar unha nova etapa de galeguismo nas instalacións do hotel coa creación dun ambiente lingüístico e cultural explícitos.

Non sabemos se o banquete previsto para esa data inclúen marcas de viños e licores e resposteria etiquetados en galego. Consideramos que este é un requisitos imprescindible para dar comezo á recuperación do espírito fundacional da empresa, creada nun tempo no que Galicia non tiña un marco xurídico que protexese o noso patrimonio cultural. Agora que o temos, os traballadores e consumidores son suxeitos con dereitos lingüísticos que a empresa debe recoñecer e fomentar. A mellor homenaxe é continuar coa herdanza cultural recibida.

Presidente do Foro E. Peinador.


Curriculum de Xosé González Martínez

Dende 1979 foi funcionario da administración local, primeiro en Redondela, onde estivo 20 anos no Servizo de Normalización Lingüística do concello, e despois na mancomunidade da Área intermunicipal de Vigo onde foi director do Servizo de Normalización Lingüística.

Foi director da Revista de Administración Galega, subdirector da revista Lingua e Dereito que edita a Universidade de Vigo. É presidente da Fundación dos Premios da Crítica Galicia, secretario da Asociación de Amigos de Couto Mixto, fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Asociación de Xuristas en galego. Foi un dos creadores do Premio Blanco Amor. É impulsor da Fundación Galicia Empresa e da Fundación Lois Peña Novo (sendo o actual Presidente), e presidente do Foro Enrique Peinador. Colaborador en prensa (Faro de Vigo) e radio (Radio Galega) e da Enciclopedia Galega Universal. Foi o tradutor ao galego dos Códigos Penal e Civil e de moita outra literatura xurídica.


Outros ártigos de Xosé González

A opinión de Xosé González: “O plurilingüísmo do estado español”

NO DÍA DA PATRIA GALEGA

A opinión de Xosé González: “Xuíces honorarios do Couto Mixto 2023”

A opinión de Xosé González Martínez: “Premios Peña Novo”

A opinión de Xosé González Martínez: “Levar o Estatuto de Autonomía ás empresas “

A opinión de Xosé González Martínez: “XIV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega”