O C.R.D.O. Ribeiro dá inicio á reforma da súa nova sede institucional

O local, sito en Ribadavia, foi cedido ao organismo por mínimo 32 anos

O C.R.D.O. Ribeiro estreará este ano nova sede institucional, cunhas instalacións máis axeitadas ás necesidades do día a día das adegas, colleiteiros e viticultores da Denominación de Orixe, para levar a cabo determinadas actividades, tanto de promoción como de control.

AVANTAR ACTIVIDADES

Recentemente déronse comezo aos traballos de remodelación do local de dous andares, de 616 m2 construídos en total, cedido pola Consellería do Medio Rural para un prazo mínimo de 32 anos, situado no número 3 da rúa Redondela, xusto nos andares superiores á Oficina Agraria Comarcal, Correos e a Policía Local de Ribadavia.

“O feito de estrear novo local institucional para a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia fai que cumpra outra das promesas pendentes dende que me incorporei como presidente ao organismo”, sinala Juan Manuel Casares.

Este novo espazo, que se reformará integramente con fondos propios do consello regulador, contará cunha espazosa sala de catas, unha aula de conferencias, un salón de xuntas, un espazo para as oficinas dos traballadores e varios almacéns para os materiais dos departamentos de promoción e do órgano de control e certificación.