“Cociña Ourense é un exemplo da reactivación da provincia desde o ámbito gastronómico”

Reunión Manuel Baltar (Presidente Deputación Ourense) con Miguel González (Presidente da AA. Cociña Ourense).

O presidente da Deputación reuniuse no Pazo Provincial con Miguel González, presidente desde colectivo de cociñeiros ourensáns, para analizar os resultados de “Enhbiga 2019” e avaliar proxectos de futuro relacionados coa promoción da cociña e dos produtos autóctonos de Ourense

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 4 de xuño de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial a Miguel González, presidente da asociación gastronómica “Cociña Ourense”, con quen analizou os resultados e a proxección dun dos eventos máis importantes que celebrou este colectivo durante 2019 como foi “Enhbiga”, un certame internacional de turismo eno-gastronómico e no que houbo representantes de diferentes países, prensa especializada, e que tivo unha repercusión en medios informativos e redes sociais superior aos nove millóns de impactos e visualizacións.

Na reunión, Baltar e González tamén falaron de temas de futuro desta asociación gastronómica e da promoción dos produtos autóctonos de Ourense, e do “carácter solidario que este colectivo amosou durante esta pandemia, axudando a organizacións sociais”, destaca o presidente Baltar, salientando que a Deputación de Ourense “valida toda a actividade que realiza “Cociña Ourense”, un grupo de restauradores que a institución provincial impulsou desde o primeiro momento e que representa a calidade de preparación dos nosos excelentes produtos e un compromiso coa provincia, que vai máis aló do seu labor gastronómico, xa que se trata dunha verdadeira militancia a prol de Ourense”.

O presidente considera a este agrupación “clave para a reactivación económica do noso territorio, a través dos seus establecementos e das redes de cooperación que xeran con outros cociñeiros de ámbito nacional e internacional, na procura dun obxectivo nobre e irrenunciable como é a visibilización de Ourense nun eido tan importante como o da restauración e con profesionais de tanto prestixio e tan recoñecidos como os que integran “Cociña Ourense”, valora Manuel Baltar.