O Psdeg-Psoe de Ourense denuncia o negocio que está a facer Jácome e D.O cos cartos de tódolos cidadáns das arcas municipais

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os socialistas denuncian a falta de asistencia ás xuntas de Área dos concelleiros delegados con dedicación exclusiva, “obstaculizando” o control da oposición

Dende o grupo municipal critican tamén a “negativa” do alcalde á proposta de toda a oposición ao reorganizamento das xuntas de área para tomar medidas e solventar a situación

O Grupo Municipal Socialista do Concello de Ourense denuncia o negocio de Jácome e Democracia Orensana co diñeiro das arcas municipais de tódolos contribuíntes do Concello. Este negocio supón un dispendio que chega a superar os 30.000€ dende o inicio do mandato, hai un ano, e que é derivado en asesores e nos concelleiros delegados nas xuntas de área nas que soamente 2 concelleiros –o concelleiro de Cultura, Mario González, e a concelleira de Educación, Maite Rodríguez- son os que acumulan tódalas vogalías e presidencias das xuntas de área, sendo, casualmente, os dous concelleiros do grupo de goberno de DO que non contan con dedicación exclusiva. Os socialistas denuncian que o grupo de goberno do alcalde, Jácome, está a instrumentalizar as xuntas de área para “obstaculizar” a labor fiscalizadora da oposición e convertelas nun negocio para os seus concelleiros que carecen de dedicación exclusiva. Dende o seo socialista aseguran que esta ferramenta sírvelles para que tanto a concelleira de Educación como o concelleiro de Cultura, obteñan un “soldo en dietas de asistencia”. Os dous concelleiros son acumulan 3 vogalías 2 presidencia nas xuntas e ao mesmo tempo tamén son vogais no Consello Municipal de Deportes- o cal chega a ascender a máis de 2.000€ ao mes, “a maiores da remuneración que xa perciben como funcionarios de ensino”.

Os socialistas recordan que en ámbolos casos, tanto Maite Rodríguez como Mario González, seguen mantendo as súas “obrigas e soldos” nos centros de ensino nos que imparten clase. Desde o grupo municipal cuestionan “a dificultade para cumprir coas súas obrigas laborais como funcionarios docentes e o seu exercicio político como concelleiros do grupo de goberno, estando en media ducia de xuntas de área e sen solicitar ningún tipo de adicación, parcial ou total, ao concello” e insisten en que “a adicación exclusiva non é para deixar de adicarse as súas responsabilidades nas xuntas de área relacionadas co desempeño das súas funcións”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Este negocio coas xuntas de Área reflíctese tamén na “non asistencia dos concelleiros delegados de cada área as súas xuntas correspondentes”, aseguran os socialistas, negándose en repetidas ocasións e remitindo a que eles “cobran a adicación exclusiva e non teñen por qué ir”, como asegurou a concelleira de Seguridade Cidadá e Comercio, María Dibuja, quen soamente asistiu a unha xunta das súas áreas, das máis de 20 que se levan celebrado.

Mentres o que fan é evadir as súas responsabilidades como concelleiros da terceira cidade de Galicia, á vez que “enchen os seus bolsillos”. O mesmo acontece co resto de concelleiros de Democracia Orensana- Armando Ojea, Miguel Caride e Manolo Álvarez- e co tenente alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, dos cales soamente Caride asistiu ás 4 primeiras xuntas de infraestruturas.

Dende o grupo municipal socialista recordan a “iniciativa conxunta presentada por toda a oposición” na pasada xunta de voceiros celebrada no mes de marzo, previa ao Estado de Alarma provocado pola crise da COVID-19 para que se poidan reorganizar as Xuntas de Área e a cal, o alcalde, Gonzalo Pérez Jacome, se “negou a incluír e atender” como unha mostra máis do seu “abuso de poder”, “falta de interese polos cidadáns e lealdade institucional” e , principalmente, como unha mostra máis de que o único que lle interesa é o seu rédito persoal e o “chiringuito” que está a montar do Concello para que él e os seus “amiguetes se vexan lucrados”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------