O PsedgPsoe de Ourense reclama a apertura dos centros de dia

O PSdeG-PSOE de Ourense reclámalle o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a reapertura dos centros de día na provincia de Ourense e que rectifique a súa decisión de mantelos pechados ata o outono, dispoñendo de todas as garantías para reabrir estas instalacións cos protocolos de seguridade e hixiene necesarios e reforzando o persoal nos centros de día que sexa necesario. Os socialistas non dan creto a decisión do líder do Partido Popular de Galicia e consideran que “se podemos estar en cafeterías, saír á rúa ou ir ás praias, os centros de día deberían estar abertos tamén, xa que é un dereito dos nosos maiores e das persoas vulnerables e Feijóo ten a obriga de atendelos”.

O secretario xeral do PSdeG e candidato á Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, sinalou esta fin de semana que “Feijóo amosa que non ten ningunha sensibilidade social e que despreza ás persoas máis vulnerables ao negarse a abrir os centros de día”. Os socialistas son conscientes de que milleiros de persoas estanse a ver privadas da súa rehabilitación e de actividades importantes para a súa saúde mental e física polo que Caballero sinala que “non podemos consentir este retroceso en dereitos para as persoas maiores e afirma que “un goberno progresista a partir do 12 de xullo poñerá todas as garantías para a reapertura destes centros”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A número 1 do PSdeG-PSOE de Ourense ó Parlamento de Galicia, Marina Ortega, fixo fincapé en que “non é lóxico deixar na estacada os máis vulnerables desta crise, os maiores con dependencia e as súas familias” e lanzou a pregunta de “por que Feijóo que convoca as eleccións para xullo porque segundo el pode producirse un rebrote en setembro, pecha os centros de día e terapéuticos, os centros para persoas con discapacidade e as escolas infantís ata outono?”. A candidata socialista tamén lle lembra o presidente da Xunta que “debe estar a altura das circunstancias” e remarca que “o PSdeG comprométese a que a partir do 12 de xullo, cun goberno progresista na Xunta a reapertura sexa posible”.

Pola súa banda, o secretario de organización do PSdeG-PSOE de Ourense e número 2 pola provincia o Parlamento, Juan Carlos Francisco Rivera, lémbralle a Núñez Feijóo que “ten as competencias exclusivas en Sanidade e Política Social, polo que é o máximo responsable do que acontece en Galicia nas residencias de maiores e centros de día”. Francisco tamén apunta a que dende o PSdeG-PSOE de Ourense se recolleron a reclamación e reivindicación de milleiros de familias que teñen algún familiar nos centros de día e que “lle esixen a Feijóo que poña en funcionamento os mesmos coa maior celeridade posible”.

Francisco Rivera afirma tamén que “non se entende” que os usuarios deses centros “poden facer vida normal” visitando a familiares, paseando ou mesmamente acudindo a unha cafetería, pero “non poden acudir os centros de día e recibir a súa terapia ocupacional ou mesmamente manter unha relación de sociabilidade co resto de usuarios dos centros, porque Feijóo lle lo prohibe”.

O secretario de organización dos socialistas ourensáns pídelle o actual presidente da Xunta e candidato do PP que “deixe a súa estratexia de confrontar e desgastar permanentemente o Goberno do Estado” e invítao a que “pare de obviar a toma de decisións no que ten competencias exclusivas como é o caso dos centros de día”. “A Feijóo correspóndelle tomar a decisión de escoitar a milleiros de galegos que demandan a apertura destes centros”, apunta Juan Carlos Francisco, que conclúe que “senón escoita o sentir da cidadanía estará asumindo unha deixadez de funcións, algo moi propio e común en Feijóo nestes intres”.