- O presidente provincial do PP, Manuel Baltar, puxo o foco na ausencia de referencias do secretario xeral do PSOE a Villarino e o subdelegado do Goberno, seguro de que os socialistas “sinten vergoña e culpa por este comportamento, porque algo así só lle pode ocorrer a un ser irracional, máxime cando concellos e deputacións por toda España aprobaron axudas deste tipo”.
- Anunciou a presentación dunha denuncia diante da xunta electoral por un valo publicitario electoral anónimo, instalado na cidade, “pero do que todos podemos supoñer quen está detrás, igual que finalmente soubemos quen instigou a revisión das axudas”.
O presidente do Goberno e os candidatos que interviron no mitin celebrado polo PSOE o pasado sábado en Ourense obviaron ao secretario provincial e portavoz na Deputación e no Concello de de Ourense, Rodríguez Villarino, e ao subdelegado do Goberno, González Afonso, “tralo xogo sucio e erro monumental de ambos os dous cargos utilizando de xeito partidista unha institución para abrir unha investigación contra as axudas a autónomos e pemes da Deputación”. Así o afirmou hoxe o presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, que tamén anunciou a presentación dunha denuncia ante a xunta electoral para coñecer quen ordeou a contratación dunha valla publicitaria con mensaxe electoral anónimo, o que advertiu está tipificado e penado.
Manuel Baltar, nunha comparecencia de prensa celebrada esta mañá, puxo o foco na ausencia de referencias do secretario xeral do PSOE a Villarino e o subdelegado do Goberno, “cando o normal sería arroupalos, e máis aínda canda ese día era noticia en toda a prensa o acordo do pleno da Deputación do día anterior esixindo a dimisión de Villarino de todos os seus cargos e o cese inmediato do subdelegado do Goberno polo vil, ruín e miserable ataque a autónomos e pemes da provincia, que agora están ameazados pola devolución desas axudas directas a causa do requerimento verbal de Villarino, que ademais se abstivo o día que votaron estas axudas”.
Para o presidente dos populares ourensáns, o partido socialista “seguro que sinte vergoña por este comportamento, e sempre dixen desde o minuto uno que esto non era nada contra o PSOE, que non dubido que estea cos autónomos e coa empresa, porque algo así só lle pode ocorrer a un ser irracional, máxime cando concellos e deputacións por toda España aprobaron axudas deste tipo, polo que a situación en Ourense é un caso único”.
“Nin os dirixentes saudaron a Villarino nin nas redes sociais faise mención as súas palabras no mitin”, engadiu Baltar, “pois case ninguén comparte as súas publicacións e as do seu partido, ata o punto que enviou unha carta –que ensinou aos medios- esixindo aos militantes que seguisen e compartisen as publicacións”, utilizando palabras como obriga, instar ou deber.
A sensación de culpabilidade do PSOE por esta situación, dixo Manuel Baltar, ten outra demostración ao día seguinte do mitin, cando o domingo publica na prensa unha páxina de publicidade “na que aclara que o PSOE está coas empresas e autónomos e cun punto no que di que garantirán a legalidade das axudas da Deputación”.
Ademais da utilización partidista da Subdelegación do Goberno, Manuel Baltar tamén se referiu á denuncia do PSOE contra unha publicación de prensa da Deputación, “cuxo fallo imos recurrir ata a última instancia”, chamando a atención sobre o xogo sucio de Villarino, “que na sala de prensa da institución provincial, en plena convocatoria electoral e en zona de sombra, compareceu cos números uno e dous da candidatura socialista, falando estes en clave partidista, “en particular o número dous, Francisco Rivera, ao que acusan de turbulentas relacións nun negocio forestal no Concello de Entrimo, froito dunha concesión do alcalde, e sobre o que non temos noticia algunha da denuncia que dixo ía presentar e aínda esperamos”.
DENUNCIA PARA COÑECER QUEN INSTALOU UN VALO PUBLICITARIO ELECTORAL ANÓNIMO NA CIDADE.
Aínda que Manuel Baltar repetiu que o verdaeiramente importante de todo este caso é o uso da Subdelegación do Goberno, unha institución do Estado, para instigar unha investigación, o presidente provincial do PP tamén anunciou a presentación dunha denuncia diante da xunta electoral por un valo publicitario electoral anónimo, instalado na cidade, “pero do que todos podemos supoñer quen está detrás, igual que finalmente soubemos quen instigou a revisión das axudas”.
O PP coñece quen contratou ese espazo “pero queremos saber quen contratou o servizo e saberemos con que cartos se pagou”, lembrando as moitas semallanzas coa comparencia que Villarino e deputados provinciais do PSOE fixeron nese mesmo punto, cun valo parecido, para anunciar que non se presentarían no debate do estado da provincia da Deputación”. Advertiu Baltar que este tipo propaganda electoral anónima está especialmente tipificada e penada, con prisión de tres meses a un ano ou multa de 6 a 24 meses para quen infrinxa as normas legais en materia de carteis electorais.
En defintiva, concluíu Baltar, “todas estas son prácticas inadmisibles que ninguén pode amparar, por iso ninguén falou de Villarino no mitin do PSOE, dunha persoa que entende a política xeito destrutivo, sucio e que cos seus continuos ataques demostra a súa frustración por no conseguir ser alcalde, nin presidente da Deputación, nin figurar nas listas electorais e ser rexeitado polo Partido Popular cando se ofreceu a ser candidato a unha alcaldía”.