A policía autonómica esclarece un incendio no concello de San Cristovo de Cea

  • No que vai de ano foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica 35 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Axentes da Policía Autonómica de Ourense esclareceron un incendio rexistrado no concello ourensán de San Cristovo de Cea.

Publicidade

Os axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Xefatura de Ourense procederon a tomar declaración a un varón, como presunto autor dun incendio rexistrado o pasado 2 de xullo na parroquia de Ventela do municipio de San Cristovo de Cea. 

O lume, que afectou 0,01 hectáreas de monte raso, produciuse cando o investigado lanzaba artefactos pirotécnicos sen tomar as medidas de precaución necesarias para realizar este tipo de actividade, o que provocou que as lapas chegaran a un monte próximo.

Para o seu control e extinción mobilizouse a un axente forestal, unha brigada e unha motobomba do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta. As dilixencias por tales feitos foron remitidas ao xulgado de Instrución de Garda de O Carballiño.

No que levamos de ano, foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica 35 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.