O Psdeg de Punxín denuncia o “bloqueo” e a “obstrución” do equipo de goberno ao desenvolvemento do municipio

IES CHAMOSO LAMAS

O Psdeg de Punxín denuncia o “bloqueo” e a “obstrución” do equipo de goberno ao desenvolvemento do municipio e acúsanos de darlle as costas aos problemas da veciñanza

As socialistas critican o voto en contra de PP e do concelleiro non adscrito ás iniciativas para mellorar as condicións salariais das traballadoras do SAF e a construción dun aparcadoiro en Ourantes

HIPER MASIDE

Afirman que esta postura “non fai máis que demostrar que a este goberno non lle interesan os problemas da veciñanza e que as súas políticas son as do bloqueo o desenvolvemento do noso municipio”

O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia un novo capítulo de “obstrución” e de “bloqueo” o desenvolvemento do municipio, despois da sesión plenaria celebrada no día de hoxe e na que o goberno municipal, composto polo PP e un concelleiro non adscrito, votase en contra de dúas mocións coa que as socialistas pretendían mellorar, canto antes as condicións salariais das auxiliares do servizo de axuda no fogar (SAF) e que o Concello cumprise co compromiso adoptado coa veciñanza de Ourantes para a realización dos trámites precisos para a construción dun aparcadoiro público e gratuíto para dar servizo aos usuarios da igrexa parroquial de San Xoán.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que coa decisión do equipo de goberno “estáselle a dar as costas tanto a veciñanza como as traballadoras do SAF”. Para as socialistas esta situación “non fai máis que demostrar o que vimos denunciando dende fai tempo, que é que a este goberno non lle interesan para nada os problemas da veciñanza e que as súas políticas son as do bloqueo o desenvolvemento do noso municipio”.

No relativo a moción na que se solicitaba unha mellora das condicións salariais das auxiliares do servizo de axuda no fogar, as concelleiras socialistas esgrimiron que co incremento do financiamento anunciado pola Xunta, o Concello reducirá o gasto previsto para este servizo en 10.500 euros. Dende o PSdeG-PSOE de Punxín reclamaban que “este aforro se reinvista inmediatamente no propio servizo, para mellorar as retribucións que perciben as traballadoras”. “O alcalde alegou que non era momento de subir os salarios, polo que lle lembramos que sempre é un bo momento para mellorar as condicións das traballadoras”, explica Lorena Peleteiro, voceira do PSdeG no municipio.

Con respecto a moción para a construción do aparcadoiro público gratuíto na igrexa parroquial de San Xoán, moción que tamén foi rexeitada polo equipo de goberno, as socialistas apuntan a que o Concello “está a incumprir” o acordo coa diocese de Ourense para a cesión temporal desta parcela e co acordado no pleno do 9 de marzo de 2020, “onde se deu conta de que parcela se cedía co fin de que fose utilizada como aparcadoiro público”. As concelleiras socialistas relatan que o alcalde “dálle unha vez máis as costas á veciñanza co voto en contra” e relatan que lle pediron ao rexedor que solicitara a colaboración da Deputación, ao que este respondeu que “non vou molestar a Deputación por isto”. “Este modus operandi deixa claro que o alcalde non busca o beneficio da veciñanza, e non prima os seus intereses”, afirman as edís do principal grupo da oposición.

“O alcalde de Punxín decide incumprir este convenio, así como o acordo do Concello coa veciñanza de Ourantes, e en concreto, coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, e darlle de novo as costas a estes veciños e veciñas, a pesares de que en beneficio desta parroquia, os propios comuneiros se comprometeran co Concello a abonar os gastos do material preciso para os traballos de acondicionamento do terreo para aparcamento”, relata a voceira socialista, Lorena Peleteiro.

Si foi aprobada unha moción do PSdeG-PSOE de Punxín, na que instaban ao goberno municipal a ratificar o compromiso firme do Concello cos dereitos das mulleres, a erradicación de calquera tipo de violencia machista e combater calquera discurso negacionista, ou posicionamento político que negue a violencia de xénero ou rexeite as políticas públicas enfocadas a súa total erradicación. As concelleiras socialistas aproveitaron o debate para lembrarlle ao rexedor e o seu equipo que “Punxín é o único concello sen actos nin programación con motivo do 25 N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.