Ribeiro en Común reclama un orzamento social para a situación actual que vivimos

A formación de Ribeiro en Común asegura que vese obrigada a facer emendas importantes a unha proposta de Orzamento que afirman que é carente de medidas sociais que respondan á nova realidade que nos deixou o COVID19, e ademais con investimentos moi insuficientes e ineficaces para abordar os principais problemas de Ribadavia.

Segundo o seu portavoz, Brais Fidalgo, “non podemos compartir a proposta de este goberno que presenta un Orzamento  que non ten en conta a nova situación de emerxencia social que nos deixou a Pandemia”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A formación reclama e propón novas medidas sociais que dean resposta á situación de emerxencia que nos deixou a COVID19 coma as seguintes:

– Duplicar as partidas destinadas a axudar as familias sen recursos.

– Implicación económica do Concello co Asilo de Ribadavia, ao cal este goberno deixa unha vez máis sen aportacións.

– Aumento orzamentario para o Servizo de Axuda no Fogar: mellora de condicións laborais para o cal é imprescindible aumentar a súa partida.

– Posta en funcionamento do bono social destiinando a fomentar o consumo no comercio local, aprobado en maio a petición do noso grupo.

– Creación dunha partida orzamentaria e un Plan para fomentar a contratación de desempregados.

– Manter o colexio da Alameda aberto. É o Partido Popular quen o pecha desde a Consellaría de Educación, polo que debe ser o PP de Ribadavia quen interceda para o seu mantemento, xa que este colexio referénciase como  recurso fundamental nos protocolos escolares que se están establecendo.

Segundo Ribeiro en Común, o actual goberno non adapta os orzamentos nin é sensible á situación social excepcional que nos deixou a COVID19, e así a única medida social para combater a crise da COVID19 non veu do goberno senón da man dos grupos da oposición no Pleno de maio.

Por último, a formación reclaca que tampouco son uns Orzamentos cuns investimentos suficientes para abordar os principais problemas de Ribadavia. Segundo Fidalgo, os investimentos en Ribadavia, a través da cooperación da Xunta e Deputación, son de cero euros no Polígono e no Casco Histórico e remata dicindo que veñen a demostrar que todos os anuncios propagandísticos feitos polo goberno local non eran certos.