O PSOE califica o trasfuguismo de Castrelo de Miño de “mercado caciquil” de Baltar e o PP estuda medidas xudiciais

Casa do Concello de Castrelo de Miño.

O PSdeG-PSOE insta ao BNG a “abandonar os contos de ciencia ficción” cos que se están a “envolver” en Castrelo de Miño, ao acusar aos socialistas de impulsar unha moción de censura co PP contra o actual rexedor, mediante panfletos e mensaxes nas redes sociais que distorsionan a realidade. “Os nacionalistas do BNG deberían deixar de inventar unha realidade paralela que non existe e centrarse en fortalecer a todas as forzas progresistas do municipio para facer fronte ao caciquismo do PP desde a unión e o respecto mutuo”, sinalan dende a formación.

Publicidade

A voceira do grupo municipal, Catalina González, denuncia a “manifesta inxustiza desta campaña de desprestixio” polo que reclama “respecto” aos nacionalistas, xa que “a unión de todas as forzas de progreso é fundamental para que Castrelo de Miño siga a ser un concello libre do caciquismo do PP e de Manuel Baltar”. A portavoz municipal insta a que debe cumprirse a vontade do pobo e a recalca que a corporación municipal debe respectar o que decidiron democraticamente as urnas os veciños, ademáis advirte de que “manipular a realidade con estas mentiras tamén prexudica á democracia”.

A agrupación municipal socialista deste municipio ourensán e o PSdeG-PSOE provincial xa expresaron o seu apoio ao pacto de goberno co BNG e ratifican novamente que están en contra de calquera moción de censura ou posible pacto co PP, un partido “acomodado na corrupción, no caciquismo e na mentira”, polo que advirten que que “iremos ata o final para rematar con este mercadeo de votos a cambio de favores públicos que nos abochorna aos demócratas”.

Desde o PSdeG-PSOE sinalan, unha vez mais, que Jaime Fontanes e Francisco Pérez “non forman parte do partido desde o mesmo momento no que asinaron esta deplorable moción de censura”. Así mesmo recordan que xa levaron este caso ante a comisión antitransfuguismo e que xa lles esixiron aos dous edís tránsfugas que abandonen o pleno e devolvan as súas actas por “converter a política nun esperpento” e por “respecto á veciñanza e á democracia”.

“Estamos ante un caso evidente e absolutamente indiscutible de transfuguismo político” impulsado, unha vez máis, polo habitual “mercado caciquil do baltarismo baseado na compra de vontades desde a Deputación de Ourense”, o que ven de converter a estes dous edís en “traidores ao progreso, ao Partido Socialista e a todos os veciños e veciñas de Castrelo de Miño”.

Neste sentido, a dirección do Partido Popular en Ourense afirma que non vai tolerar de ningún xeito que se recurra á falsidade, ó fraude e ó engano para atentar contra a formación popular, advertindo que calquera actuación deste tipo terá as súas consecuencias xudiciais.  

O Partido Popular de Ourense denunciará diante da xustiza á concelleira do PSOE en Castrelo de Miño por un delicto de calumnias, logo das gravísimas acusacións realizadas pola edil, tanto no pleno ordinario celebrado neste concello o pasado xoves como polas súas manifestacións a un medio de comunicación falando de “mercadeo” coa súa persoa.  

Os equipos xurídicos do Partido Popular están a analizar nestes momentos as súas declaracións co fin de iniciar as accións xudiciais oportunas diante do Xulgado do Penal e presentar unha denuncia, como mínimo, por un delicto de calumnias.

Así o avisou tamén o propio portavoz do PP en Castrelo de Miño, Avelino Pazos, no pleno do pasado xoves logo das afirmacións feitas nesa mesma sesión pola concelleira do PSOE, Catalina González, á que advertiu que estaba realizando unhas acusacións inaceptables e intolerables.

O PP ourensán non vai permitir que se escenifique unha farsa de tan baixa catadura moral e carente da máis mínima ética para atacar a este partido e agochar os problemas internos e maila degradación dunha formación política, nomeadamente o grupo socialista en Castrelo de Miño.