O concello de Ribadavia soterrará o cableado aéreo do casco histórico

Esta actuación, que se fará paulatinamente en varios exercizos, iniciarase coa retirada do cableado aéreo nas rúas Banda La Lira, Alcalde Meruéndano, Eduardo García Penedo, Merelles Caula (Da Xudería) e Praza da Madalena

O Concello de Ribadavia iniciará este mes os traballos dunha primeira fase de soterramento do cableado aéreo no Casco Histórico. Esta actuación inicial, que conta con un orzamento total de 44.894,78 € e está cofinanciada polo Concello de Ribadavia e a Axencia Galega de Turismo da Xunta de Galicia, permitirá retirar o cableado aéreo nas rúas Banda La Lira, Alcalde Meruéndano, Eduardo García Penedo, Merelles Caula (Da Xudería) e Praza da Madalena.

AVANTAR ACTIVIDADES

Con esta actuación o concello pretende mellorar a imaxe do Casco Histórico retirando un cableado aéreo que provoca un efecto sumemente disonante coa imaxe do Casco Histórico. Esta actuación que se inicia neste exercizo coa retirada do cableado nestas rúas, terá que continuar en exercizos posteriores ata acadar a total retirada de cableado aéreo no Casco Histórico de Ribadavia.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sinalou que “Con esta actuación, que levamos a cabo grazas á colaboración coa Xunta de Galicia, estamos iniciando un proceso que debe culminar coa retirada total do cableado aéreo do Casco Histórico de Ribadavia e, polo tanto, vai provocar unha enorme melloría estética deste entorno declarado Ben de Interese Cultural.”

César Fernández afirmou que “a retirada do cableado aéreo é unha actuación que figuraba no noso programa electoral e que imos a iniciar neste primiero ano de mandato. Lóxicamente, a actuación inicial non nos permitirá chegar a todo o casco histórico, pero agardamos que de aquí ao final do mandato podamos retirar o cableado aéreo en todo o Casco Histórico de Ribadavia. En definitiva, esta actuación enmárcase na liña de potenciamento dos recursos patrimoniais cos que conta Ribadavia que iniciamos dende a chegada ao goberno, e que responde a unha estratexia de consolidar a Ribadavia coma destino turístico de calidade”.