A alcaldesa de Ramirás ocúpase desde hai vinte días do servizo de augas despois da saída do traballador ao cargo

  • O traballador dimitiu o 22 de agosto farto das inxerencias de Isabel Gil nas faenas de mantemento.
  • A alcaldesa ordenou a persoal de confianza e persoal eventual contratado para outras tarefas vixiar os tanques de auga. “Está obcecada en que existen sabotaxes na rede sen ter ningunha evidencia”, di o BNG.
  • O Concello recoñece un gasto de 1.200 euros diarios en transporte de auga, mais as últimas analíticas públicas continúan alertando sobre niveis de arsénico por riba dos límites permitidos para consumo humano.

A alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil, do PSOE, asumiu persoalmente desde o pasado 22 de agosto as faenas de mantemento e control do servizo da traída pública que afecta a unhas 300 casas en diferentes parroquias orientais do concello.

O traballador autónomo que se encargaba da xestión diaria da planta de tratamento de Pereira, do tanque secundario de Vilariño e da rede municipal presentou a súa renuncia o 22 de agosto farto das inxerencias da alcaldesa no seu labor, que por riba lle agochaba a información sobre o subministro á rede de auga procedente de camións cisterna e os resultados de analíticas en relación ao arsénico que a principios de verán -como en anos anteriores- volveu aparecer en niveles elevados e que desaconsella o consumo humano.

Desde esa data, hai vinte días, é a rexedora quen se ocupa das tarefas diarias: visitar o depósito de Pereira e controlar os niveis de entrada de auga na planta, revisar a calidade das augas en canto a cloración e turbidez, visitar o depósito secundario de Vilariño e revisar tamén a calidade das augas, e visitar as billas nos puntos finais da rede, un total de cinco, entre eles o da Casa do Concello, o do tanatorio e o do centro social. Tamén debe corrixir as incidencias detectadas nas analíticas e que esixen manipular os mecanismos de cloración na planta de Pereira.

Publicidade Premer na Imaxe

Todo iso quedou en mans da Alcaldesa, que non informou da renuncia do persoal (o traballador autónomo e un eventual que axudaba na reparación de avarías) que viña atendendo o servizo.

Ademais, segundo testemuñan veciñas, persoal de confianza de Isabel Gil e persoal eventual contratado para outras funcións estiveron vixiando os tanques de auga por petición da alcaldesa. “Está obcecada en que existen sabotaxes na rede sen ter ningunha evidencia. E someteu aos veciños a cortes no subministro para descubrir fugas, que as haberá, pero sobre todo para desviar a atención sobre o foco do problema: os altos niveis de concentración de arsénico nos puntos de consumo”, explica Marcos Meléndez, concelleiro do BNG na corporación municipal.

Outras testemuñas recollidas polo BNG de Ramirás informan que a alcaldesa ordenou cambiar as fechaduras dos tanques de Pereira e de Vilariño tres días despois da renuncia do traballador ao cargo.

Gasto disparatado en camións cisterna: 18.000 euros en quince días de agosto

O BNG lembra que o pasado 28 de agosto, unha semana despois da renuncia do traballador, a Alcaldía avisou nun bando de cortes no subministro e da contratación de cisternas de auga para “axilizar o restablecemento do servizo”.

O BNG ten constancia pola información entregada polo Concello que, cando menos desde o 30 de xuño, a rede está a recibir auga procedente de camións cisterna. Entre esa data e o 4 de agosto, as nacionalistas comprobaron que houbo 68 viaxes de camións para descargar auga nos tanques de Pereira e Vilariño. En agosto, e segundo a documentación dispoñíbel, entre o día 10 e o 25 houbo outras 68 descargas.

O concelleiro nacionalista solicitou a mediados do mes pasado a información sobre onde se recolle esa auga e que controis leva e como se introduce na rede de Ramirás. Na súa resposta, o Concello limitouse a indicar que a carga faise nun punto da rede do Polígono de San Cibrán das Viñas, pola empresa Viaqua. O Concello recoñeceu que o gasto en camións cisterna se eleva a uns 1.200 euros/día.

Na documentación á que tivo acceso o BNG, só en cinco facturas pagadas ás empresas de transporte Vázquez Arias e Hermanos Lemos entre o 10 e o 25 de agosto o Concello de Ramirás gastou máis de 18.000 euros.

Augas que se verten á rede sen garantías coñecidas

O BNG volveu reclamar ao goberno municipal información precisa e os certificados de potabilidade e cloración das augas que veñen nas cisternas para coñecer a calidade das achegas que se fan á rede.

Segundo testemuñas da veciñanza, as cisternas descargan auga tanto no depósito principal da Pereira coma no secundario de Vilariño, mais este non ten dispositivo de cloración.

A medida implementada para compensar o arsénico que trae a auga do Tuño fracasou malia que Isabel Gil aumenta as descargas de cisternas nos días previos a que se realizasen as análises. Así, os días 30 e 31 de xullo realizáronse, segundo as facturas públicas, 13 descargas (oito na primeira desas datas). O día 24 de agosto repetiuse o máximo de descargas detectadas até agora entre a documentación: oito.

Porén, as últimas analíticas feitas públicas indican que os niveis de arsénico na auga destinada a consumo humano seguen moi por riba do límite establecido en 10 μg/l (microgramos por litro). As medicións rexistradas no Sistema de Información Nacional de Aguas de Consumo (SINAC) correspondentes aos días 4 e 10 de agosto alcanzan valores de 15 e 13 μg/l respectivamente.

O BNG advirte que o servizo de augas xa non está supervisado por profesionais ao cargo, e converteuse en perigoso e deficiente. “Por riba, Isabel Gil xera outros problemas querendo asumir persoalmente todo o traballo de tratamento e control das auga e intentando agochar a súa incapacidade agochándose en sabotaxes á rede que só ve ela ou esaxerando o impacto das fugas de auga”, insiste Marcos Meléndez.

“A situación é insostíbel polo risco continuado para a saúde pública, polo gasto enorme que ocasiona unha solución que non soluciona nada, mais tamén polo deterioro das capacidades de Isabel Gil para continuar á fronte do goberno municipal”, resume Marcos Meléndez.