A directora de Saúde Pública da OMS, María Neira, Premio Ourensanía 2020

Reunión Manuel Baltar (Presidente Deputación Ourense) co Xurado do Premio Ourensanía 2020 composto por Jesús de Juana, Eva Torres Rodríguez, Patricia Torres Madureira, Juán Luis Saco Cid, Miguel Anxo Fernández Fernández, Manuel Guede Oliva, Luis González Tosar e como secretario Aurelio Gómez Villar.

Manuel Baltar comunicou hoxe a concesión do galardón á premiada, de orixe ourensá, unha decisión que o xurado adoptou por unanimidade polo gran labor que a doutora Neira está a desenvolver en ámbito divulgativo e de concienciación sobre a pandemia do COVID-19

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, deu a coñecer hoxe o fallo do xurado do premio Ourensanía 2020, que determinou conceder o galardón á doutora de orixe ourensá María Neira, directora do Departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS). O xurado, que adoptou a súa decisión por unanimidade destaca o gran labor que a doutora Neira está a desenvolver en ámbito divulgativo e de concienciación sobre a pandemia do COVID-19 desde a sede central en Xenebra.

AVANTAR ACTIVIDADES

María Neira estudou medicina na Universidade de Oviedo e realizou os seus estudos de especialización de Endocrinoloxía en Francia. Exerceu con Médicos sen fronteiras en Centroamérica e posteriormente trasladouse coa ONU a Mozambique e Ruanda. Ingresou na Organización Mundial da Saúde (OMS) como directora do departamento de Prevención e Erradicación de Enfermidades Infecciosas. Tras isto, en 2002, foi nomeada presidenta da Axencia Española de Seguridade Alimentaria, trasladándose a Madrid. Poucos anos despois regresou a Xenebra para continuar o seu traballo na OMS, xa como directora do departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente. Entre os premios que recibiu figuran a “Orde do Mérito Nacional” (Goberno da República Francesa, 2006); o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional á OMS (Fundación Príncipe de Asturias, 2009) que recolleu xunto a Margaret Chan, e o Premio ” Woman” (2015) recibido de mans da Raíña Letizia, recoñecementos aos que une este ano o Premio Ourensanía (2020).

Manuel Baltar destaca que con este premio “a Deputación de Ourense distingue a unha das personalidades máis importantes do mundo no ámbito do COVID-19, un recoñecemento que recae en María Neira pero que, a través dela, faise extensivo a todas as persoas, colectivos e organizacións que, como a OMS, loitan no mundo contra a pandemia do coronavirus”, afirma o presidente Baltar, quen felicitou á premiada e trasladoulle que a provincia de Ourense “estará encantada de recibila o próximo 11 de novembro na gala de entrega do Premio Ourensanía para facela entrega do galardón”, gala que se celebrará, como vén sendo tradicional, no Teatro Principal da capital ourensá.

O Premio Ourensanía é un recoñecemento honorífico que a Deputación de Ourense outorga a aqueles ourensáns vinculados á provincia que destacaron nas súas facetas profesional, social ou intelectual.

Ano 2021 dedicado a “ Tacholas”

Por outra banda, o xurado do premio, na súa reunión de hoxe, determinou tamén dedicar o ano 2021 á memoria do actor Fernando Iglesias “ Tacholas”, un dos principais actores galegos do século XX que desenvolveu a súa vida artística na emigración arxentina. No país austral converteuse nunha gran figura do teatro e participou en numerosas películas.

Fernando Luís Iglesias Sánchez naceu en Ourense o 25 de agosto de 1909. As súas inclinacións cara ao canto levárono a pertencer a diversas entidades corais, en especial a Coral Ruada. En 1929, en Buenos Aires, intégrase na actividade cultural das sociedades galegas, en especial da Unión Provincial Ourensá. En 1932 comeza a actuar na radio e enseguida comezou a facerse famoso entre a colectividade galega. Nesta época ten tamén orixe o nome polo que sería coñecido: Tacholas. Durante a guerra civil, participou en festivais dedicados a recadar fondos para axudar á causa republicana.

En 1945 funda con Maruxa Boga e Alfredo Aróstegui a audición radiofónica “Lembrando a Galicia”, programa baseado nunha idea orixinal de Castelao. Ao mesmo tempo, Tacholas converteuse nun personaxe asiduo aos festivais e celebracións da colectividade galega. En 1953 inaugurou un novo programa radiofónico: “La Voz de Galicia”. A finais dos anos cincuenta comeza a traballar no cinema arxentino e intégrase en diversas compañías teatrais, e en 1970 forma parte dos elencos do Teatro Municipal “Xeneral San Martín”, levando a cabo tamén numerosas xiras polo interior do país e polo estranxeiro. Morreu en Buenos Aires o 14 de maio de 1991.

O xurado do premio Ourensanía estivo integrado nesta edición por: Manuel Baltar (presidente); Manuel Guede, Luís G. Tosar, Jesús de Juana, Juan Luís Saco, Patricia Torres, Eva Torres e Miguel Anxo Fernández (vogais) e Aurelio G. Villar (secretario).