O Psdeg-Psoe de a Peroxa denuncia as actitudes “antidemocráticas” dun alcalde que nin convoca plenos ordinarios nin responde ás cuestións dos socialistas

Os socialistas afirman que nos últimos nove meses tan só se celebrou un pleno ordinario, o pasado mes de agosto, a pesar de acordar que se celebrarían co carácter bimensual

O voceiro socialista, Antonio González Fiuza, critica a “falta  de transparencia” e subliña que “levamos dende o primeiro trimestre de 2018 sen ter acceso as facturas do Concello, que alega que non ten persoal para facilitarnos a información”

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE de A Peroxa denuncia as actitudes “antidemocráticas” do alcalde do Partido Popular, Manuel Seoane, que nos últimos nove meses tan só convocou un pleno ordinario, o pasado mes de agosto, impedindo deste xeito a labor da oposición e a presentación de iniciativas. Os socialistas denuncian que alcalde “incumpre” o acordado no pleno de organización, no que quedou fixada a celebración de plenos con carácter bimensual. O rexedor opta pola convocatoria de plenos extraordinarios, como o de mañá, co único fin de “impedir” que o PSdeG no municipio presente mocións e preguntas.

Pero non só hai unha “ausencia total de transparencia” na convocatoria dos plenos, denuncian dende o Grupo Municipal Socialista “senón tamén a hora de facilitarnos a información que requirimos”. Os socialistas levan meses agardando por documentación que solicitaron vía rexistro e “respostas importantes para o futuro do noso municipio”, denuncia o voceiro socialista Antonio González Fiuza.

Fiuza destaca un caso “flagrante” e que amosa “a falta total de transparencia instaurada por Seoane en A Peroxa” como é a de que os socialistas teñan acceso as facturas do concello. “Levamos dende o primeiro trimestre de 2018 sen ter acceso as facturas do que gasta o Concello”, explica o voceiro socialista que tamén apunta que ” 2018 foi a última vez que tivemos acceso as facturas e máis de dous anos despois seguimos agardando porque nos faciliten consultar as mesmas, pero o alcalde alega que nos permitirá acceso cando o Concello teña persoal”.

Unha situación, que os socialistas consideran como “anómala e impropia dun goberno democrático”, deixa claro que o grupo de goberno do Partido Popular “non quere render contas a oposición nin a veciñanza” e tal e como apuntan dende o Grupo Municipal Socialista “parece que Seoane quere agochar algo, senón non se entende que non nos facilite á oposición información de primeira man e importante para o devir do noso municipio”, explica González Fiuza.

A Peroxa celebrará mañá un pleno extraordinario, no que o PSdeG-PSOE non poderá rexistrar as súas iniciativas e preguntas, polo que o voceiro dos socialistas pídelle ao alcalde que “sexa democrático e permita o debate e que os socialistas levemos a pleno as nosas cuestións”. Cabe lembrar que nos plenos extraordinarios non é posible o rexistro de mocións e preguntas para responder durante a celebración no pleno, polo que dende o Grupo Municipal Socialista de A Peroxa requírenlle que “se deixe de plenos extraordinarios e cumpra co pactado no seu momento, facendo plenos ordinarios cada dous meses”.