O PP de Allariz esixe a rehabilitación urxente das infraestruturas municipais de lecer e deporte

IES CHAMOSO LAMAS
  • O Partido Popular critica que o grupo de goberno local non aproveitase o período de confinamento para corrixir tales deficiencias.
  • Ademais, desde o PP solicítase que “todo o non gastado nas festas e eventos cancelados por mor da pandemia se destine á mellora das infraestruturas municipais”.

O Partido Popular de Allariz esixe ao grupo de goberno local a rehabilitación urxente das infraestruturas municipais de lecer e deporte que se atopan nun lamentable e absoluto estado de abandono.

A portavoz do grupo municipal do PP, Luz  Doporto Real, critica a situación na que se encontran estes espazos de xogos infantís con “madeiras podrecidas e  astilladas, puntas e parafusos que sobresaen e chans descorchados”, ademais de tachar de “inadmisible” o “lamentable estado” de conservación dos aparellos do ximnasio da piscina municipal.

HIPER MASIDE

Así mesmo, o Partido Popular de Allariz critica que o Concello non aproveitase o período de confinamento para corrixir tales deficiencias e pide que se liquiden coa máxima présa para que a vila poida ofrecer os espazos de lecer seguros e confortables que se merece.

Ademais, desde o PP tamén instan o grupo de goberno a que destine “todos os recursos económicos non empregados nas festas e eventos, cancelados por mor da pandemia, na mellora e arranxo de todas as infraestruturas municipais”.

Insisten en que os serios danos que se recollen no mobiliario de moitas das zonas de lecer da vila, por exemplo o parque infantil O Portovello ou o ximnasio das piscinas municipais, conlevan un factor de perigo que pode chegar a producir accidentes.

Neste sentido, desde o grupo popular censuran que o goberno local reste importancia a estes espazos dinamizadores e de aprendizaxe e entenden que a falta de interese demostra o abandono ao que o BNG somete aos veciños de Allariz e, especialmente ás persoas máis vulnerables, tales como os nenos.