O BNG preguntaralle á Xunta no parlamento polo gromo de covid-19 detectado na Residencia Nosa Señora do Viso en Lobeira

A formación nacionalista pediralle explicacions á Xunta de Galiza e os motivos polos cales non se detectou o gromo ate que afectou a práctica totalidade dos residentes e do persoal

O Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento de Galiza ven de presentar a traves dos deputados por Ourense, Noa Presas, Iago Tabarés e Maria Albert xunto á tamén deputada Olalla Rodil, unha serie de preguntas para seren respostadas pola Xunta de Galiza a respeito dos últimos acontecementos acaecidos na Residencia Nosa Señora do Viso, no Concello de Lobeira. Residencia na que se ten detectado un novo gromo de covid-19 con gran afectación tanto entre os residentes coma entre o cadro de persoal.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para o BNG o feito de que o gromo detectado o pasado luns, e novamente nunha residencia da provincia de Ourense e de xestión privada, volveu acender todas as alarmas na comarca xa que estamos a falar dunha localidade moi próxima a Celanova, onde o caso da Residencia San Carlos segue sen esclarecerse ao tempo que continúa sendo moi preocupante.

Esta situación xerou moita inquedanza xa que segundo apuntan os nacionalistas, estamos de novo diante dunha residencia de maiores e diante dun número moi elevado de contaxiados sen que ningún dos controis previos, se é que existen, servisen para detectalo a tempo e evitala súa propagación. Segundo denuncia no BNG toda esta situación xera a sensación de que fallan os controis e o seguemento en lugares especialmente sensíbeis, como son as residencias de maiores.

Os nacionalistas destacan tamén que a contundencia do Goberno Galego en negarse ao esclarecemento das causas do grande impacto que o virus tivo e ten nas residencias de maiores contribúen notablemente á intranquilidade e preocupación da sociedade. O descoñecemento total e absoluto sobre as accións que, no seu caso, puidera estar a por en marcha a Xunta de Galiza para evitar os contaxios en centros e residencias de maiores, nas que, como ben é sabido, as consecuencias dunha eventual neglixencia ou falla de rigor no control son de extrema gravidade, contribúen á intranquilidade e preocupación social.

Por todo elo, o Grupo Parlamentar do BNG preguntaralle a Xunta de Galiza cales foron os controis levados a cabo tanto a residentes como ao persoal da residencia de Lobeira. Tamén cando se efectuaron as probas asi como cando se coñeceu o resultado das mesmas.

Igualmente queren saber cales eran as medidas de supervisión e control da seguranza e seguimento levadas a cabo na propia residencia para evitar o contaxio. Así como coñecer polo miúdo, a evolución do cadro de persoal durante o último mes da Residencia San Carlos, desta volta en Celanova.