Baltar comprométese co traballo da Plataforma pola Defensa do Transporte Público

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con membros da Plataforma de Transporte Público do Carballiño e comarca. Asisten Ramiro Bello (Presidente da Plataforma), Xoaquín Moldes (Integrante da Plataforma), Manuel Nogueira (Integrante de Plataforma)e e Juán Manuel Pérez (Delegado sindical de Renfe).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial a representantes da Plataforma pola mellora do transporte da comarca do Carballiño, encabezados polo seu presidente, Ramiro Bello, quen estivo acompañado por Joaquín Moldes, Juan Manuel Pérez e Manuel Nogueira, quen lle expuxeron ao presidente Baltar as liñas de traballo da plataforma, centradas nun plano de reivindicación a todos os niveis de melloras no transporte por tren, autobús, transporte urbano e os demais ámbitos da comunicación, que pasan, segundo demandan polo incremento de liñas e frecuencias así como pola mellora dos servizos.  

A plataforma comprometeuse co presidente do goberno provincial a trasladarlle as conclusións dese traballo, ao remate da súa labor de estudo e prospección do transporte na comarca do Carballiño, e Baltar dixo que a Deputación de Ourense “fará súas as propostas da plataforma en forma de mocións ou acordos políticos, para tentar paliar e mellorar a actual situación e que a poboación desta comarca teña melloras no servizo de transporte e na intercomunicación, non só coa provincia e a capital ourensá, senón con puntos importantes como Santiago, sobre todo a efectos dos estudantes que cursan estudos universitarios”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Na reunión tamén acordaron que a Deputación colaboraría coas actividades da plataforma, apoiando con diferentes iniciativas e con servizos como o de Publicacións a edición de material informativo da plataforma “para que esta iniciativa da veciñanza dos concellos da comarca do Carballiño sexa apoiada polo goberno provincial, que entende lexítimas as súas aspiracións, que fará súas unha vez que analicemos o contido das súas demandas”, expresou Manuel Baltar.