Manuel Baltar defende o pulo ao traballo en rede dos gobernos provinciais, “imprescindible para afrontar esta pandemia con decisión e medidas eficaces”

Videoconferencia Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) cos membros da Fundación Democracia e Goberno Local.

Nunha reunión por videoconferencia do Padroado da Fundación Democracia e Goberno Local, o presidente da Deputación de Ourense sinalou que “o coñecemento directo das accións sanitarias, económicas e sociais que os gobernos provinciais están a adoptar en todo o territorio nacional ten unha enorme valía, pois ademais de aportar ideas e iniciativas que poden ser de aplicación noutros territorios, acredita unha vez máis a capacidade de reacción que estes gobernos teñen por ser as institución máis próximas á realidade e situación de cada provincia”. 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu hoxe a necesidade de impulsar o traballo en rede dos gobernos provinciais, “como fórmula imprescindible para afrontar esta nova ola da pandemia con decisión e medidas eficaces que trasladen confianza aos sectores económicos, sociais e mesmo á cidadanía”. Manuel Baltar apostou por esta liña de cooperación na reunión que por videoconferencia celebrou o Padroado da Fundación Democracia e Goberno Local, institución de referencia no ámbito dos gobernos locais intermedios, e da que o presidente da Deputacion ourensá forma parte como vogal xunto a outros 25 representantes de deputacións e cabildos, baixo a presidencia da titular da institución provincial de Barcelona, Nuria Marín. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Nun momento de pandemia como este e co impacto que está a sufrir España nesta segunda ola, Manuel Baltar subliñou o destacado papel que xoga esta fundación “á hora de facilitar un punto de encontro no que intercambiar experiencias e coordinar esforzos na loita contra a Covid-19”. Para o presidente da Deputación de Ourense, “o coñecemento directo das accións sanitarias, económicas e sociais que os gobernos provinciais están a adoptar en todo o territorio nacional ten unha enorme valía, pois ademais de aportar ideas e iniciativas que poden ser de aplicación noutros territorios, acredita unha vez máis a capacidade de reacción que os gobernos provinciais teñen por ser as institución máis próximas á realidade e situación de cada provincia”. 

Nesta liña lembrou a positiva valoración que no padroado da Fundación tiveron as medidas postas en marcha pola Deputación de Ourense nos primeiros cinco meses da pandemia, “e que trasladamos aos seus membros no ánimo de aportar novas ideas e abrir máis liñas de actuación fronte as consecuencias da pandemia”. 

A xuntanza do Padroado da Fundación Democracia e Goberno Local, a cuxa convocatoria precedeu unha reunión da Comisión Permanente, da que tamén é membro Manuel Baltar xunto con outros sete vogais, abordou entre os trece asuntos que integraban a orde do día a presentación da memoria de actividades de 2019, así como un adianto do realizado ata o pasado mes de setembro, o programa de actividades para o próximo ano e a sinatura dun convenio coa Asociación pola Excelencia dos Servizos Públicos, co obxectivo de colaborar nos ámbitos da investigación e o asesoramento en aspectos directamente relacionados coa prestación de servizos públicos, en particular aqueles xestionados directa ou indirectamente polas entidades locais.