Conferencia “O mundo visto por referente do deseño” de Oscar Mariné (Deseñador gráfico) no Centro Cultural "Marcos Valcarcel" dentro da ICCWEEK, e presentado por Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense).

Na xornada do xoves da Ourense ICCWEEK 2020 os protagonistas foron o deseño, coa particular visión dun referente como Oscar Mariné, charla presentada polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e os videoxogos, cunha curiosa viaxe pola historia da súa música, da man da musicóloga ourensá Erea Carbajales, e unha mesa redonda na que tres expertos no sector analizaron as oportunidades nesta industria. 

Na xornada matinal deste xoves, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, presentou o relatorio do recoñecido deseñador, tipógrafo e artista Oscar Mariné, deixando constancia da súa satisfacción “por conseguir traer á ICC Week, logo de moitos intentos en pasadas edicións, a un gran creador e ‘pope’ do deseño gráfico internacional”. 

 
Manuel Baltar, dirixíndose aos alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde –”onde podemos dicir que estamos físicamente malia ás circunstancias e grazas á tecnoloxía”-, asegurou que é “todo un privilexio escoitar, ver, sentir e comprobar como comunica unha persoa da categoría de Óscar Mariné, porque o deseño gráfico tamén é comunicar”, acompañando esta afirmación cun breve percorrido polos destacados traballos do relator nos ámbitos do cine, a música e comercial. 


O presidente da Deputación tamén subliñou o escenario da conferencia, na exposición que o centro cultural Marcos Valcárcel acolle sobre a mítica banda de rock The Rolling Stones, “todo un exemplo da importancia do deseño gráfico coa súa icónica imaxe”. 

40 ANOS DE DESEÑO ESPAÑOL

No seu relatorio, Oscar Mariné realizou un repaso da súa vida artística a través dos seus máis importantes traballos en 40 anos, que marcan a evolución do deseño español. Nas súas costas garda decenas de traballos nacionais e internacionais en campos tan diversos como o deseño editorial, a imaxe coporativa, o cine ou a industria musical. Mariné relatou un percorrido desde os seus inicios apegados ao xurdimento da Movida dos anos 80, deseñando portadas de revistas e discos de grupos como Siniestro Total, e máis tarde Los Rodríguez, Andrés Calamaro, e Bruce Springsteen, ata os traballos para marcas que converteu en referencias dunha época, como CamperAbsolut Vodka ou Swatch.  

Pero moitos dos seus proxectos destacados foron tamén a creación da imaxe corporativa, vinculada a lugares como Matadero, o centro cultural de Madrid ou a renovada imaxe do Festival de Cine de San Sebastián. Importante foi tamén a súa aportación á renovación gráfica de cabeceiras como El País Semanal, traballos algo máis técnicos e complexos, como subliñou Mariné, onde é fundamental manter o equilibrio entre as tipografías, os elementos fotográficos e os diferentes espazos da revista. 

No seu repaso artístico, Mariné tamén destacou os carteis de numerosas películas españolas nas que deixou a súa pegada; como Tierra (Julio Medem,1996), El Día de la Bestia (1995) e 800 balas (Alex de la Iglesia, 2002) e Todo sobre mi madre (Pedro Almodovar,1999), un dos seus traballos máis icónicos, do que contou algúns segredos, como o detalle de que utilizou as cores da bandeira francesa para tentar ter máis éxito no Festival de Cannes, e engadir unha ilustración orixinal evitando así que na distribución internacional se modificara o cartel. Un repaso a 40 anos de historia do deseño español onde según afirmou este comunicador ‘sen límites’, o éxito é a parte menos importante da carreira dun deseñador, quen debe gañar o respecto con cada un dos seus traballos. 

UNHA VIAXE MUSICAL POLA HISTORIA DOS VIDEOXOGOS 


A musicóloga ourensá Erea Carbajales fixo un interesante percorrido histórico polos elementos musicais nos videoxogos, desde as primeiras máquinas Arcade de finais dos anos 70 onde só se incluían elementos sonoros sinxelos, e un son diferenciador para marcar os fallos do xogador, despois coa incorporación de música clásica, libre de dereitos e que incorporaban os propios programadores, ata a chegada dos videoxogos más míticos dos anos 80, con melodías sinxelas e adictivas como as de PacmanMario Bross ou Tetris que foron referentes desa xeración. A evolución chegou ata a actualidade, onde os grandes estudios manexan importantes orzamentos nos videoxogos máis populares, e onde equipos de máis de 100 músicos e compositores poden chegar a traballar para o desenvolvemento das ‘bandas sonoras’ dos títulos máis coñecidos do mercado. A música desde sempre foi elemento fundamental para adentrar ao xogador no videoxogo, e chegou a cobrar tal importancia que xa existen discos grabados só con música de videoxogos, ou emisoras de radio especializadas en música de videoxogos. 

Na última das actividades da xornada, Roberto Yeste de Play Station, Kiko Bejar, de Benditos Videojuegos, e Sonia Herranz, de Hobby Consolas participaron nunha interesante mesa redonda sobre as oportunidades da industria dos videoxogos, moderada por Alberto ‘Xogón’. 

Os profesionais analizaron a nova realidade no sector, despois da pandemia, onde souberon adaptarse as novas circunstancias con rapidez, xerando eventos en liña, competicións e incluso presentacións de produtos. Roberto Yeste indicou que con este tipo de eventos incluso chegaron a máis público que se se fose organizado de xeito presencial. E tamén destacaron como mentres outros sectores están en dificultades nestes momentos, o sector dos videoxogos manten  ou incluso aumenta o nivel de traballo e actividade. Kiko Bejar insistiu na necesidade de que España non só sexa un país consumidor de videoxogos senón tamén produtor e xerador de contidos de entretemento. 

Sonia Herranz apuntou a interesante evolución da presenza das mulleres nos videoxogos como consumidoras, pero tamén como xeradoras de contidos, e tamén reflexionaron sobre a competencia de youtubers e influencers. Sobre os perigos do abuso das pantallas, os tres destacaron a importancia do uso dos controis parentais e  as ferramentas de control nos dispositivos e nos propios contidos que se consumen.

Para a xornada do venres, a partir das 12.30 horas está prevista a conferencia de Alejo Stivel, que poderá ser seguida en streaming. A industria musical será a protagonista nunha revisión sobre a figura do productor musical, baseada na súa propia experiencia vital. Cofundador do grupo Tequila, banda coa que acadou numerosos éxitos nos inicios dos 80, Stivel leva adicados máis de 30 anos á produción musical, teatral e publicitaria.  

PROGRAMACIÓN VENRES 9 OUTUBRO
  

A FIGURA DO PRODUTOR MUSICAL
Alejo Stivel
. Produtor, compositor e cantante.
12.30h STREAMING desde o C.C. M. Varcarcel (sen público) 

Streaming en directo  de todas as actividades desde a nosa canle de Youtube, na web de LA REGIÓN e na web da Deputación de Ourense.