Sae á luz a acta fundacional da Mocedade Galeguista de Celanova, un documento de 1932 inédito até hoxe

Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova recupera un dos exemplares que se conservaba na casa familiar do mestre Odilo Pérez Fernández, o cal tiña gran amizade con Xosé Velo.

Hoxe, día 13 de outubro, cando pasaron 85 anos do gran mitin das Mocedades Galeguistas en Celanova, un acontecemento multitudinario no Teatro Curros Enríquez e no que falaron, entre outros, Celso Emilio Ferreiro, Xaime Illa Couto, Xosé Velo e Francisco Fernández Del Riego, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova presenta ao público a acta fundacional da Mocedade Galeguista de Celanova, que data do 15 de xullo de 1932 e no que aparecen as sinaturas de Xosé Velo (como presidente), Celso Emilio Ferreiro (vicepresidente).

AVANTAR ACTIVIDADES

De pé (esquerda a dereita), L. Freire, M. Montes, X. Rodríguez Gosende, D. León e O. Pérez, da Federación de Mocedades Galeguistas. Sentados, P. Lezón, Celso Emilio e X. F. Álvarez Bernárdez. Celanova2/05/1935]

A importancia deste documento reside en que se trata dun documento inédito que nos permite datar a orixe da agrupación celanovesa e saber dos seus fundadores, algúns deles ata agora descoñecidos. Ademais de Celso Emilio Ferreiro e Xosé Velo, só tiñamos constancia do vogal Jesús Román. O secretario Alfonso Álvarez e o tesoureiro Emilio A. Torres non figuran en ningures. Até o momento, só contabamos con datos de directivas posteriores e a través de fontes indirectas, principalmente notas recollidas en xornais como A Nosa Terra.

O documento conservábase na casa familiar do mestre celanovés Odilo Pérez Fernández, o cal tiña gran amizade con Xosé Velo. O Comité de Memoria Histórica de Comarca de Celanova revisou a bibliografía publicada e consultou con estudosos do galeguismo como Argimiro Rojo, Xavier Castro, Justo Beramendi e Ramón Nicolás que manifestaron descoñecer o documento.

O texto, que está redactado en castelán para poder ser oficialmente rexistrado, consta de 9 artigos que baixo o título de “Estatutos” estipulan o funcionamento e organización, os obxectivos e os medios para logralos. Responde a un modelo establecido, seguramente polo Partido Galeguista, “cuyos Estatutos acepta y a ellos se somete” (art.3). Entre os seus fins está o de traballar a prol dun “régimen autonomo en Galicia” (art.2). O art.9 fixa o seu domicilio social no número 17 da rúa Curros Enríquez. Figuran José Velo Mosquera como presidente e Emilio Ferreiro Míguez como vicepresidente.

Segundo explicou o profesor Beramendi, “polo contido do documento, en papel con póliza oficial, é moi posible que sexa copia da documentación que presentaron ás autoridades co gallo da constitución oficial da Mocedade Galeguista de Celanova”. Xa que logo, ábrese a posibilidade de buscar o expediente completo presentado ás autoridades e que pode acharse nalgún arquivo provincial.

O Comité de Memoria Histórica de Comarca de Celanova continuará investigando para dar a coñecer o legado das Mocedades Galeguistas e en acordo co veciño que facilitou o documento buscará un espazo axeitado para a súa conservación e difusión.

Os membros coñecidos da Mocidade Galeguista de Celanova. (Lista de facilitada por Justo Beramendi): ALVAREZ, Xosé. Comercio. FERREIRO, Emilio. Impresor (Imprenta) GÁNDARA, Remixio G. Delegado na III Asemblea da FMG en 1936. NOGUEIRA RUMBAO, Xosé. PEREZ, Alberto. Estudiante.. RODRIGUEZ PRENTA, Clodomiro. Estudiante. Delegado na III Asemblea da FMG en 1936. ROMÁN, Carlos. Comercio. ROMÁN, Xesús. Estudiante. SANCHA, Xulio. Labrego. SOTO MONTES, Manuel. Empregado. Secretario Xeral das Mocidades en 1934. VELO, Xosé. Estudiante. Presidente das Mocidade Galeguistas en 1934.