O PSdeG-PSOE de Ourense urxe ao Concello a aprobación dunha nova ordenanza de veladores e terrazas que conte coa participación do tódolos grupos políticos e que se convoque unha comisión interdisciplinar que teña en conta outros factores como a ordenanza de ruidos ou a problemática do botellón. Os socialistas denuncian que a ordenanza vixente na actualidade atópase “completamente obsoleta” xa que data do ano 97 e sinalan que é “un dos motivos do descontrol existente” a este respecto na cidade. Critican que “durante máis dun ano de mandato” o actual goberno non foi quen de convocar sequera a comisión da ordenanza pese a que dende o grupo se requiría de “xeito insistente” e en “repetidas ocasións” á anterior concelleira de Comercio e, hoxe, díscola, María Dibuja. “Ata a pasada semana o goberno non pasou nin un borrador da mesma ata a pasada semana”, critican.
Marcan como obxectivo fundamental da ordenanza a “convivencia entre a utilización dos espazos públicos por parte de comerciantes e hostaleiros e o uso e desfrute por parte da cidadanía”, unha das liñas que se contemplaban no borrador da ordenanza que se redactou durante o anterior mandato progresista no ano 2014.
Ademáis, dende PSOE consideran fundamental que exista un “apartado específico de atención para a zona histórica”, tanto pola súa “singularidade”, como para evitar a “posible sobreexplotación hostaleira” e os “conflictos de convivencia” que poidan derivarse.
Por outra banda, tamén solicitan a “disposición momentánea” para abordar a redacción e aprobación da nova ordenanza á “maior brevidade posible” contando con todos os axentes sociais implicados para dar seguridade e regularizar a situación en Ourense dunha vez por todas.
Dende o grupo socialista levan anos resaltando a importancia de “aumentar o control da colocación de terrazas en parques e prazas da cidade”, co fin de dar resposta á problemática de máis de 450 locais que contan con licenza de veladores, en total algo máis de 1.000 terrazas; e “fixar unha serie de liñas fundamentais para evitar o abuso e descontrol actuais”, amparados ata agora por lagoas legais existentes na actual normativa e agravados pola crise sanitaria e o seu impacto económico no sector hostaleiro durante os últimos meses”, aseguran.
Os socialistas conclúen que, tanto a regulación de terrazas e veladores como a nova normativa de ruídos ou a regulación do fenómeno de botellón, están estreitamente vencelladas e requiren que se aborden conxuntamente de maneira técnica, co consenso de todos os grupos políticos e axentes sociais implicados. Do contrario, a solución pode ser errática e pode levar ao choque entre distintas normativas, co cal seguiremos sen dar resposta ás urxentes necesidades actuais da cidade.