O Psdeg-Psoe de Castrelo de Miño esíxelle ao grupo de goberno municipal medidas preventivas para facer fronte aos novos casos de covid-19 no municipio

Os socialistas presentaron por rexistro unha batería de iniciativas e denuncian que a día de hoxe “non contamos con ningunha medida preventiva para evitar o aumento de casos”

A voceira do PSdeG en Castrelo, Catalina González, remarca que “xa o 18 de setembro pedimos implementar medidas, pero nada se fixo a día de hoxe e os casos están subindo, ante a desidia do alcalde”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE en Castrelo de Miño ven de rexistrar a través do Concello unha batería de iniciativas para facer fronte aos novos casos de COVID-19 no municipio, que segundo demostran as cifras oficiais, están crecendo nos últimos días. Os socialistas esíxenlle o grupo de goberno formado polo Partido Popular e os tránsfugas que “non dea as costas a veciñanza” e que implemente “de xeito urxente” medidas preventivas para facer fronte os gromos e a segunda onda que afecta ao municipio e o conxunto do estado.

Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian tamén que a día de hoxe “non contamos con ningunha medida preventiva para evitar o aumento dos casos”. A voceira dos socialistas de Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, remarca que “xa o 18 de setembro, pedimos implementar certas medidas, pero nada se fixo ata hoxe e os casos seguen subindo ante a desidia dun alcalde que non está a traballar pola súa veciñanza”. A voceira do PSdeG no municipio considera que “aínda que algunhas destas medidas xa foran solicitadas, consideramos que a periodicidade dalgunhas das que se veñen a realizar é insuficiente”, motivo polo cal reiteran novamente as medidas.

Entre as medidas que os socialistas de Castrelo lle esixen ao Concello destacan a desinfección periódica dos puntos do municipio con maior confluencia e afluencia de veciños e veciñas como son o centro de saúde, o colexio público de Astariz, os edificios de carácter municipal, a casa do maior, casa comunitaria e gardería, as farmacias, os bares, tendas de alimentación e a gasolineira, as igrexas e os parque do municipio. Solicitan tamén a desinfección de todas as rúas do concello e dos colectores con atomizadores, a entrega gratuíta de mascarillas para todos os escolares do colexio público de Astariz e do mesmo xeito, que se entreguen mascarillas e xel hidroalcohólico nos bares e tendas de alimentación para paliar a caída de ingresos debido as restricións e o seu uso obrigatorio. “Esixímoslle o alcalde responsabilidade e que tome nota destas iniciativas socialistas polo ben da veciñanza de Castrelo de Miño”, remarca González Álvarez.

A voceira socialista tamén denuncia a “falta de transparencia” do rexedor o considerar que non informa a veciñanza sobre o número de contaxios seguindo as canles axeitadas. Catalina González destaca que “o alcalde emprega o seu Facebook persoal para informar dos casos de coronavirus no municipio, en lugar das canles oficiais do propio Concello”. Unha situación que o PSdeG de Castrelo de Miño considera “inaceptable, xa que limita a información o seu círculo máis estreito, impedindo que os veciños e veciñas teñan acceso a mesma”. Tamén denuncian que o alcalde empregou as súas redes sociais para denunciar que algunha persoa positiva saltou o confinamento, e esíxenlle que “se ten constancia de que isto sucede dea notificación as autoridades competentes para que tomen medidas”.