A Xunta comeza os traballos para corrixir en Galicia as debilidades do ‘decreto do aprobado xeral’ do Ministerio

O secretario xeral de Educación, José Luis Mira, reuniuse onte con representantes da Inspección e técnicos da Consellería para avanzar na elaboración deste texto que blinde a calidade

Trabállase para dispor de unha proposta de norma nun prazo moi curto, co obxectivo de comezar a aplicala xa en novembro

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta de Galicia vén de comezar os traballos de elaboración dunha norma para desenvolver o que se establece no Real Decreto Lei de medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria, elaborado polo Ministerio do ramo, e corrixir as súas debilidades. Este RDL permite que un alumno poida promocionar de curso sen que se teña en conta o número de materias suspensas.

O secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, reuniuse hoxe con representantes da Inspección educativa e técnicos da Consellería nunha primeira toma de contacto co grupo de traballo, co fin de avanzar na redacción dun documento de normas propias de desenvolvemento do decreto do aprobado xeral co obxectivo de, dentro da legalidade e das posibilidades desta norma, preservar a calidade e a equidade do sistema educativo galego. O grupo de traballo para a elaboración deste texto estará integrado por docentes e inspectores.

A intención é dispor de unha proposta de norma nun prazo moi curto, co obxectivo de empezar a aplicala xa en novembro.

Cómpre lembrar que o propio conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, informou ao Comité Educativo da posición do Goberno galego respecto do Real Decreto Lei do Estado, así como da intención de elaborar este documento. Neste sentido, expuxo a preocupación do Goberno galego fronte a unha norma que pode xerar desigualdade entre o alumnado e que vai en contra dos principios básicos da educación como son a cultura do esforzo e a motivación.

Aposta pola presencialidade

Este tipo de medidas foron aplicadas para os dous últimos trimestres do curso 2019/20, nun contexto xeral de suspensión da actividade lectiva presencial. Pero no momento actual, tendo en conta que en Galicia se está a aplicar, con carácter xeral e salvo casos moi puntuais, a presencialidade completa no ensino obrigatorio, a Xunta considera que o axeitado é aplicar uns criterios máis próximos ao labor educativo habitual.

Ademais, o conselleiro enviou unha queixa formal á ministra de Educación e Formación Profesional na que lamentaba a toma desta decisión de forma unilateral e sen abordala previamente coas comunidades autónomas, máis considerando que se trata dunha norma que merma a calidade do sistema e racha coa súa función de xerador de igualdade de oportunidades.