
A Deputación de Ourense presentou hoxe o libro Nós arredor de nós, do que é autor Paco López-Barxas, publicación vencellada á conmemoración dos cen anos da revista Nós. O acto contou coa participación, ademais do escritor, do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; do editor José Luis Teófilo, e do autor das ilustracións, o pintor Baldomero Moreiras.
Rosendo Fernández salientou a importancia desta obra, “que rende homenaxe a unha xeración irrepetible, na que ten protagonismo a Auria de Otero Pedrayo, de Risco, de Cuevillas, de Losada Diéguez e mesmo de Castelao, nunha semana clave na que conmemoramos o centenario da revista Nós”. Neste sentido, López-Barxas destacou que a edición da obra “é un luxo para o luxo dunha gran xeración”, salientando que se trata de “homenaxear a unha vangarda cultural”. O autor explicou que Nós arredor de nós é un libro de libros, unha publicación que presenta catro monográficos: Arredor de nós e de Castelao, Eu son Otero Pedrayo, Eu son Risco e o cuarto, Eu son “Floro” Cuevillas. Trátase dunha edición conmemorativa coa que homenaxeamos o espírito daqueles que proxectaron os nosos sinais identitarios no plano dunha galeguidade universal, sen a que non se entende a Galicia de hoxe en día”.
Finalmente, José Luis Teófilo agradeceu a axuda da Deputación de Ourense para levar a cabo este proxecto editorial, e comentou que a xeración Nós “traballou a prol dun país avanzado e recoñecido, e os seus integrantes contribuíron a construír a modernidade de Galicia, de que herdamos as súas inquedanzas e o amor pola terra”.