O Psdeg-Psoe salienta que “non hai fórmula alternativa á moción de censura” para devolver Ourense á normalidade e salienta que está aberto a dialogar sobre un guión claro

Os socialistas manifestan a “improcedencia de reunións sorpresa, adiviñanzas e golpes de efecto mediáticos na seriedade das circunstancias municipais actuais”

Convidan a Cs a “avanzar cara unha moción de censura e a participar no diálogo que forxará un novo xeito de gobernar e un programa realista para o mandato, brindando un goberno útil á Ourense”

AVANTAR ACTIVIDADES

O  PSdeG-PSOE expresa  a “improcedencia  de   reunións  sorpresa,  adiviñanzas  e  golpes  de  efecto mediáticos” ante as “preocupantes circunstancias municipais actuais”, e salienta que “non hai fórmula alternativa á moción de censura” impulsada a pasada semana para retirar ao microgoberno de Pérez Jácome do Concello de Ourense.

Os nove concelleiros e concelleiras do PSdeG na terceira cidade de Galicia, conscientes da “urxencia de proporcionar un goberno serio e solvente”, así como  das  “manobras  dilatorias”  e  da  “ausencia  de  propostas”  do  PP, presentaron e asinaron unha moción de censura ante notario o 5 de novembro, solicitando as sinaturas do resto de edís da corporación local.

Ao día seguinte, o voceiro municipal, Rafa Villarino, recibiu o convite do voceiro municipal de Ciudadanos para unha nova reunión no Liceo hoxe luns, mais José Araújo non quixo avanzar a proposta e os asuntos a tratar na xuntanza. “Agradecendo a invitación, consideramos que xa non é momento de reunións sorpresa e si de accións concretas para rescatar de inmediato ao goberno municipal”, insisten os socialistas.

Desde o PSdeG-PSOE aseguran que Ciudadanos “debe decidir se quere ser útil para Ourense facilitando o cambio e apoiando a moción, ou se prefire seguir enredados en titulares baleiros”, abandonando a “filosofía de rexeneración para converterse nun apéndice do baltarismo e do PP”.

“Convidamos a Ciudadanos a avanzar cara unha moción de censura e a participar no diálogo que forxará un novo xeito de gobernar e un programa realista para o resto do mandato”, co fin primordial de “darlle un goberno útil á cidade”, insisten antes de concluír recordando que “a cidadanía de Ourense merece respecto e un goberno mellor”.