O presidente de Berán dimite do seu cargo por motivos persoais

O actual presidente da Entidade Local Menor de Berán presentou onte a súa dimisión neste cargo alegando motivos persoais, que asegura que nada teñen que ver ca política. Constantino Vidal explica que compaxinou este traballo co de funcionario de prisións, no que leva exercendo 40 anos, e que as cuestións relacionadas con Berán leváronse sempre sen ningún problema, recalcando que a relación entre os membros que formaban a directiva foi sempre boa, e afirmando que todos coincidían en que primaba o interese do pobo.

Vidal recalcou que sempre contou con todo o apoio do alcalde de Leiro e da Deputación. No cargo, está previsto que o suceda o actual vicepresidente, Avelino Carballal, no que pon toda a súa confianza, asegurando que xa estivo catro anos liderando Berán. Tamén comenta que todos os proxectos en marcha seguirán o seu curso. 

AVANTAR ACTIVIDADES

POLA SÚA PARTE, O BNG DE BERÁN AMOSOU A SÚA INQUEDANZA ANTE ESTA DECISIÓN, PREOCUPADOS POLOS PROXECTOS QUE QUEDAN PENDENTES PARA A ENTIDADE

O grupo asegura que a súa marcha na metade da lexislatura amosa pouca vontade de solucionar os problemas ós que ten que facer fronte a Entidade e din que esta dimisión chega nun momento clave para a aprobación de proxectos estratéxicos na parroquia, coma a oficialización e recoñecemento do paso por Berán do Camiño da Geira Ribeiro Arrieiro, así como o arranxo e licitación das vellas instalacións balnearias, ambos motores económicos que exixían da acción urxente por parte dun presidente.  

Dende o BNG piden e esixen ao novo presidente que actúe con rigor e con independencia para conseguir avances.