O BNG pedirá explicacións no Parlamento pola aparente “vinganza política” contra o xefe de xinecoloxía de Verín

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

sorpresa e alarma ante a nova de que hai aberto un expediente sobre un acontecemento sen consecuencias cando non se investigaron feitos graves de violencia obstétrica. Noa Presas pregúntase se a dirección sanitaria de Ourense “non ten outra cousa que facer que axustar contas”.

A deputada do BNG por Ourense Noa Presas afirma que a formación recibe “con sorpresa e alarma a noticia de que hai aberto un expediente sobre un acontecemento sen consecuencias cando non se investigaron feitos graves de violencia obstétrica coa separación de bebés e nais nas primeiras horas post parto” e pregúntase se a dirección sanitaria de Ourense “non ten outra cousa que facer que axustar contas”.

No día de hoxe o Diario do Támega avanzaba en exclusiva que presuntamente a xerencia de Ourense tería incoado un expediente disciplinario contra o xefe de xinecoloxía do hospital de Verín, Francisco Javier Castrillo por tratar de impedir un traslado ao Hospital de Ourense o pasado 30 de novembro.

Lembra a deputada nacionalista que “o pasado 22 de novembro de 2019 unha delegación da dirección da EOXI de Ourense, Verín e Valdeorras liderada polo xerente, Félix Ruibal, comunicaba ás e aos profesionais do Hospital de Verín que a partir do 1 de decembro non se prestarían os servizos de sala de partos nin tampouco habería gardas de pediatría hospitalaria”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta decisión chegaba despois dunha longa listaxe de agravios con este Hospital que foi contestada na rúa, tanto nunha histórica manifestación o pasado 30 de novembro de 2019, como con mobilizacións feministas convocadas o pasado 4 de decembro en numerosas localidades do país e en constantes mobilizacións na comarca, na cidade de Ourense e cunha repulsa política xeral en Ourense e na oposición do Parlamento Galego. Finalmente, a Xunta tivo que rectificar e reabrir a sala de partos.

Entre outros feitos graves, o BNG e o feminismo denunciaron no seu día, como ben afirma Noa Presas “situacións como a vivida o 12 de decembro, cando se produciu un parto de urxencia e a velocidade de dilatación era tal que o persoal sanitario de Verín decidiu atender o nacemento no hospital comarcal e evitar os riscos dun traslado”.

Posteriormente sucedéronse graves feitos que precisaron a concorrencia do aparello xudicial e que remataron coa crianza sendo despoxada da súa nai e trasladada de forma separada até Ourense, con horas de diferenza, incumprindo os protocolos na materia e tendo posteriormente ademais un deficiente trato á nai unha vez chegada ao CHUO.

Para Presas “estes feitos constitúen un exemplo de violencia contra as mulleres e non foron investigados polo que sorprende que agora se coñeza un procedemento desta embergadura contra un profesional que se significou publicamente a favor do mantemento do servizo en Verín”.

“Parece unha presión política máis por parte da dirección de Ruibal e da política da Xunta de Galiza para coartar aos profesionais e ante o cal, o BNG pedirá explicacións”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------