Maside estrea cuberta no parque infantil e ruta do románico

A cuberta do parque infantil permitirá o uso das instalacións todos os días do ano, con independencia da situación meteorolóxica, posto que estarán protexidos da choiva, do vento e incluso da calor extrema no verán que se aliviará notablemente grazas á sombra que proporcionará a cuberta.

O alcalde agradeceu a colaboración e disposición da administración cos proxectos do municipio e adiantou futuras colaboracións que se trataron durante a visita.

AVANTAR ACTIVIDADES

A segunda parte desta visita consistiu na inauguración da ruta do románico baixo o título “O románico nas Terras de Maside”. O proxecto desenvólvese en diferentes parroquias do concello de Maside, todas moi próximas entre sí: Louredo, Eirexe e Mundín de Garabás, Santa Comba, O Pazo, Rañestres e Maside, xuntando así, nun área de escasos quilómetros, unha zona de grandísimo interese pola acumulación dos bens patrimoniais deste concello do rural.

Para potenciar a sinalización dos recursos turísticos, instaláronse 7 paneis identificativos/interpretativos que permitirán a interpretación histórica dos diferentes monumentos. Todos e cada un dos paneis contarán con códigos QR que remitirán a unha plataforma web na que ampliar a información da ruta e de cada un dos bens presentes na mesma.