O grupo socialista lamenta que os orzamentos da xunta “non incidan na mellora do mercado laboral”

Carmen Rodríguez Dacosta cualifica de “inaudita” e “inaceptable” a partida destinada a medidas de apoio e protección ás mulleres vítimas de violencia machista, tendo en conta o “fortísimo incremento” nos últimos 5 anos dos destes delitos

Publicidade

Critica a falla de execución reiterada nas partidas orzamentarias de Emprego, cando nos últimos 4 años “deixaron sen executar unha media de 127,8 millóns de euros nestas políticas, o que supón o 40,5% do previsto”

A responsable de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou que os Orzamentos da Xunta para 2021 “non incidan na mellora do mercado laboral”. Rodríguez Dacosta, que interveu trala comparecencia da conselleira de Emprego e Igualdade na Comisión de Orzamentos do Parlamento, criticou a falla de execución reiterada nas partidas orzamentarias de Emprego nos últimos anos polo goberno do PP.

Rodríguez Dacosta sinalou que “os orzamentos deixan claro o pouco que lle importa ao goberno da Xunta, co seu presidente á cabeza, a situación do emprego e as políticas activas”, nuns orzamentos que “serven principalmente para facer propaganda”.

A responsable socialista criticou que “12 anos despois e con 32.309 persoas paradas máis, o PP invista en Emprego 49 millóns menos dos que tiña orzamentados en 2009”, o que supón unha diminución do 37%. Ademais, incidiu na redución da partida de Persoal, que no ano 2021 é de 43,9 millóns, “fronte aos 47,2 dedicados en 2009”.

Neste senso, Rodríguez Dacosta incidiu en que nos últimos 4 anos, a Xunta “deixou sen executar unha media de 127,8 millóns de euros en políticas de emprego, o que supón un 40,5% do investimento previsto nesta área”.

“Se miramos o que fai o PP cos orzamentos, veremos que estamos aquí para maior gloria de Feijóo, e non para solucionar os problemas que eles mesmos crearon no mercado de traballo en Galicia”, aseverou. Así, a responsable socialista lembrou que nos orzamentos dos últimos catro anos, “deixaron sen gastar unha media de 127,8 millóns de euros en políticas de emprego, o que supón o 40,5% do investimento previsto”.

Nesta liña, destacou que durante dito período había en Galicia 130.224 persoas paradas que non percibían prestacións, das que 76.972 levaban máis dun ano en paro; pero, a pesar desta situación, “a Xunta non foi quen de buscar como investir eses case 128 millóns de euros anuais, que preferiron non usar”.

IGUALDADE

“No contexto como o actual, en plena pandemia e cunhas consecuencias aínda imprevisibles, resulta incrible o orzamentado para Igualdade”, aseverou. Así, Rodríguez Dacosta tachou de “hipocrisía” os discursos da Xunta en torno a igualdade, cando “non prestan ningunha acción nova de calado nun ano marcado pola covid”.

A responsable socialista cualificou de “inaudita” e “inaceptable” a partida destinada as medidas de apoio e protección ás mulleres vítimas de violencia machista, tendo en conta o “fortísimo incremento” nos últimos 5 anos dos destes delitos e “coas consecuencias dos meses de confinamento aínda por avaliar”. Destacou que “xustamente ese programa é o peor tratado nos orzamentos de Igualdade, cuxo valor relativo no orzamento con respecto ao do exercicio anterior é negativo”.

Rodríguez Dacosta sinalou que “se houbese vontade política e non só discursos baleiros, realmente se incrementarían as transferencias aos concellos para a loita contra a violencia machista, así como o financiamento máximo que se dedica a cada Centro de Información á Muller”. Por último, a responsable socialista amosou a súa “preocupación” en canto á partida dedicada polo goberno galego ao colectivo LGTBI, “que se limita a 21.000 euros”, o que é “intolerable”.