Ourense acolle un seminario online para resolver dúbidas e axilizar as solicitudes das axudas do plan de rescate da Xunta

  • Promovidos por Turismo de Galicia en colaboración coa Vicepresidencia económica e a Consellería de Emprego e Igualdade, a xornada enmárcase no conxunto dos webinars que se están a celebrar nas catro provincias 
  • O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, destacou que este plan contribúe ao mantemento do emprego e da actividade económica de autónomos e micropemes da provincia, apoiando de xeito específico a actividade dos establecementos da hostalaría afectados polos peches recomendados polas autoridades sanitarias
  • As axudas lanzadas para autónomos con e sen empregados, microempresas e sector da hostalería teñen aberto prazo de solicitude
  • A semana pasada publicáronse no DOG os apoios de ata 20.000 euros para facilitar a instalación e mellora das terrazas e as vendas a domicilio da hostalería

Co obxectivo de informar e axudar aos potenciais beneficiarios do Plan de Rescate da Xunta dirixido a persoas traballadoras autónomas, microempresas e o sector da hostalaría no proceso de solicitude das diferentes liñas abertas, a delegación territorial da Xunta en Ourense, en colaboración con Turismo de Galicia, a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e a Consellería de Emprego e Igualdade celebrou hoxe un seminario online informativo no marco da programación de webinars que se están a desenvolver nas catro provincias entre o 2 e o 7 de decembro.

O webinar que se celebrou en Ourense contou coa participación do delegado territorial, Gabriel Alén , a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a Directora Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, técnicos do IGAPE, e o representante do Clúster de Turismo de Galicia, Ovidio Fernández. Orientado aos sectores afectados polo peche derivado das normativas de seguridade sanitaria, o seminario permite resolver dúbidas e achegar a información de xeito máis eficaz e directo facilitando así que os beneficiarios poidan acceder de xeito máis rápido, grazas tamén a unha tramitación áxil. “Deste xeito, a Xunta amosa o seu compromiso cun dos sectores máis afectados pola crise sanitaria, destinando 84 millóns de euros para garantir o seu futuro”, explicou.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste sentido, o delegado territorial da Xunta en Ourense destacou que este plan contribúe ao mantemento do emprego e da actividade económica de autónomos e micropemes da provincia, apoiando de xeito específico a actividade dos establecementos da hostalaría afectados polos peches recomendados polas autoridades sanitarias.

Axudas complementarias

As tres liñas de axuda que conforman o Plan de Rescate autonómico, dotado cun total de 84 millóns de euros, están dirixidas a autónomos con e sen persoal a cargo, microempresas e autónomos con persoal a cargo e o sector da hostalería, que poderán solicitar os apoios ata o vindeiro 18 de decembro (no caso da liña de autónomos con e sen persoal a cargo) e ata o 28 de decembro as microempresas e establecementos hostaleiros afectados polos peches desde o pasado outubro como consecuencia das medidas implantadas polas autoridades sanitarias.

No caso das axudas a microempresas ou traballadores autónomos con persoal contratado e dotada con 37 millóns de euros, a contía da axuda é de 4.000 euros para todos os sectores e de 5.000 euros para as actividades económicas especialmente paralizadas (lecer nocturno, atraccións de feiras, transporte, axencias de viaxes, cines ou comidas para eventos, entre as principais).

A liña creada de xeito específico para a hostalería e dotada con 17 millóns de euros, permitirá conceder a cada establecemento axudas de 1.500 euros ao mes que, no caso de empresas con 10 ou máis traballadores, serán de 2.000 euros ao mes.

A terceira liña, activa xa desde o pasado 18 de novembro e dotada con 30 millóns de euros, suporá unha aportación única para autónomos con ou sen persoal a cargo de 1.200 euros en xeral e de 2000 euros para as actividades especialmente paralizadas.

Todas as axudas son complementarias e acumulables entre si polo que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, por exemplo, as contías das axudas poderán acadar os 9.200 euros, cifras que sitúan a Galicia como unha das comunidades á cabeza en canto aos apoios dispensados a este sector.

Coa posta en marcha deste Plan de rescate, deseñado en colaboración cos axentes sociais e económicos a Xunta pretende aportar liquidez aos empresarios das actividades máis afectadas pola pandemia, en especial aos establecementos hostaleiros nos concellos que, no peor dos casos, mantense inactivos desde o pasado mes de outubro.

Ademais, a semana pasada publicáronse no Diario Oficial de Galicia as axudas directas para terrazas e envío a domicilio por importe de 3 millóns de euros, con axudas entre 1.200 e 20.000 euros, para que restaurantes e cafeterías poidan adecuar os seus espazos exteriores e adquirir elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local. 

Tamén está en marcha unha liña de préstamos directos mediante créditos de entre 3.000 e 500.000 euros por negocio para axudar aos sectores que teñen máis dificultades para acceder ao financiamento privado, como o ocio nocturno e a hostalería, a industria cultural, as orquestras, a economía social, o comercio estacional e as feiras. Trátase de préstamos con xuros baixos (próximos aos 0%) que se poderán amortizar en sete anos, incluíndo ata tres de carencia.