A Fundación “Blanco Amor” editará en 2021 tres novos traballos sobre o escritor ourensán e actualizará as bases do premio de novela

O Padroado da Fundación “Eduardo Blanco Amor” celebrou esta mañá a derradeira reunión deste ano, presidida polo presidente Manuel Baltar, xuntanza na que analizaron as actividades que desenvolverá a entidade en 2021 e que inclúen, entre outras iniciativas, tres novas publicacións do escritor ourensán, un traballo audiovisual e a actualización das bases do premio de novela, que cumprirá o seu 40º aniversario.

Publicidade

Unha das primeiras actividades será a edición dunha colección de volumes que, baixo o título “Blanco Amor fotógrafo”, recollerá nun primeiro número as fotografías e crónicas que o escritor ourensán publicou no diario El Pueblo Gallego en 1935, con motivo da viaxe que realizou a varias cidades do norte de Marrocos.

Xunto coa reedición, desta volta en castelán, da biografía escrita por Gonzalo Allegue e titulada “Diante dun xuíz ausente”, a fundación tamén prevé publicar un traballo que reunirá escritos e estudos en torno á obra de Federico García Lorca “Seis poemas galegos”, incluíndo a correspondencia que o poeta granadino mantivo con Blanco Amor sobre este traballo.

En 2021, o premio de novela co que a Deputación de Ourense honra e lembra ao escritor ourensán, cumprirá o seu 40º aniversario, unha efeméride que a fundación considera axeitada para darlle un novo pulo ao galardón, polo que se actualizarán as súas bases.

Ademais da realización dun traballo audiovisual en torno ao xornalista Arturo Lezcano, patrón fundador e amigo persoal de Blanco Amor, o padroado acordou a próxima incorporación dun novo patrón: César Lorenzo Gil, xornalista, escritor, editor e director da revista dixital BiosBardia.