Pese á inversión de preto de 2 millóns de euros, o Pavillón dos Remedios segue tendo portas rotas e aseos sen arranxar segundo denuncia o BNG

Desde o BNG non comprenden como logo dunha reforma case que integral e dunha inversión de 1,9 millóns de euros, non se arranxou parte do mobiliario danado nalgúns aseos do complexo.

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, celebra que logo de moitos meses en obras, o Pavillón dos Remedios, unha das instalacións referentes a nivel deportivo do concello, esté próximo a reabrir as súas portas e o faga cunhas instalacións totalmente reformadas e adaptadas ás necesidades dos usuarios.

AVANTAR ACTIVIDADES

Agora ben, desde o BNG teñen constancia de que hai parte do mobiliario nalgúns dos aseos do complexo, como por exemplo, os situados no primeiro andar, ao carón da cafetería que non foron obxecto de arranxo ou sustitución, amosando graves deficiencias como ben se pode observar nas fotografías anexadas.

Para os nacionalistas, é incomprensíbel que logo dunha reforma case que integral e dunha inversión próxima aos dous millóns de euros, haxa espazos dentro do pavillón que non fosen nin arranxados nin reformados como é o caso dos aseos referidos con anterioridade. Aseos moi empregados por boa parte dos usuarios tanto do pavillón como da cafetería.

Entenden desde o Grupo Municipal do BNG que sería preciso o seu arranxo, máxime cando estase a piques de reabrir a instalación. A este respeito, desde o BNG lembran que ao longo do periodo de obras o propio Consello Municipal de Deportes fixo importantes desenbolsos económicos para sufragar reformas non contempladas no proxecto inicial executado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galiza, polo que ben se podería ter levado a cabo a reforma destes elementos.