O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, criticou hoxe a nova “artimaña” do goberno galego para sortear os informes xurídicos e a participación pública” dos afectados pola Lei contra o abandono de terras agrarias. A norma foi presentada hoxe polo Grupo Parlamentario do PP e non polo goberno galego, o que permite a súa tramitación sen que conte cos informes preceptivos.

Seco lembra que este pasado mes o propio Consello da Xunta presentou un informe sobre este proxecto de Lei, como teñen anunciado cada pouco tempo dende o ano 2019. A diferenza é que desta volta, en lugar de pasar o trámite como anteproxecto de Lei, foi presentada hoxe como proposición de Lei polo Grupo Popular no Parlamento.

Esta manobra permítelle ao goberno galego levar adiante o texto “evitando ter que afrontar os informes preceptivos da asesoría xurídica, do Consello Económico e Social, do Consello Agrario Galego e do Consello Forestal de Galicia, ademais do período de exposición pública para consultas dos sectores afectados”.

O responsable socialista esíxelle ao goberno galego que asuma de novo o trámite desta iniciativa lexislativa “para ter tódalas garantías legais e o maior consenso posible entre os sectores afectados”.

Sinala que “aínda que o medio rural de Galicia ten un grave problema de terras improdutivas, logo de 12 anos de goberno sen iniciativas para solucionar este problema e de ter abandonado o Banco de Terras posto en marcha polo goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, teñen pasado 2 anos máis dándolle voltas á nova Lei con anuncios nos medios de comunicación”.